DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No curso 2011-2012 matriculáronse 3619 estudantes, un 3,2% máis que 2010-2011

91% de prazas cubertas no primeiro curso dos 52 graos ofertados pola Universidade de Vigo

A matrícula en todas as titulacións ascende a 22.744 estudantes, un 2% máis que o curso pasado

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría / M.Del Río DUVI 07/11/2011

3619 estudantes matriculáronse, segundo datos da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), no primeiro curso de cada un dos 52 títulos de grao ofertados este curso 2011-2012 pola Universidade de Vigo nos seus tres campus, un número que se traduce nun 91,4% de prazas cubertas do total de 3824 ofertadas. Respecto do curso pasado, neste período académico rexistrouse un incremento dun 3,2%, e así fronte aos 3503 estudantes matriculados o curso pasado, neste 2011-2012 acadáronse os 3619. “Bordeamos o punto de equilibrio entre oferta e demanda”, asegurou o reitor Salustiano Mato que lembrou o efecto que a adaptación a Boloña está a producir na evolución das matriculacións ao adoptarse un sistema con grupos máis pequenos que fará que “nos próximos anos o datos de matrícula evolucionen á baixa a prol dunha maior eficiencia”.

Mato que ná súa comparecencia ante os medios estivo acompañado da comisionada de Coordinación Interna, Ana Graña, manifestou a súa satisfacción polos resultados acadados e incidiu que en 25 dos 52 graos ofertados este curso a demanda do alumnado superou o límite de prazas fixado incialmente, o que levou a ampliar o tope establecido, destacando os casos dos graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos (Campus Vigo) no que das 80 prazas ofertadas pasouse aos 96 matriculados; Xeografía e Historia (Campus Ourense) onde se pasou de 30 a 41 e Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Campus Pontevedra) onde de 100 se pasou a 110. Coa vista posta na aplicación do decreto da Consellería de Educación que regulará os límites mínimos esixidos para que se poida impartir un grao, o reitor avanzou que “estamos preparando os recursos materiais e humanos para adaptarnos a ese decreto” para o que se estudará como atender as titulacións nas que a demanda supera á oferta e tamén aquelas nas que as solicitudes non acadan o límite de prazas establecido”. Unha reordenación de recursos obrigada tamén cara ao novo mapa de titulacións no que segundo o reitor “é moi importante o equilibrio entre oferta e demanda”. Un recursos cos que Mato incidiu “podemos ofertar singularidade e tamén complementariedade en Galicia e tamén na macrorexión”.

Por ámbitos foi o Xurídico-Social no que maior demanda de prazas se rexistrou ata o punto que a solicitude de matrícula do alumando superou a oferta de prazas en16 das 22 titulacións (ADE; Dereito; Educación Infantil; Educación Primaria; Traballo Social e Turismo no campus de Ourense; Ciencias da Actividade Física; Comunicación Audiovisual; Dirección e Xestión Pública; Educación Primaria e Publicidade e Relacións Públicas no campus de Pontevedra e Comercio; Dereito; Economía; Educación Primaria e Relacións Laborais no campus de Vigo).
No ámbito das Humanidades a demanda superou á oferta en catro das oito titulacións que o integran (Xeografía e Historia no campus de Ourense e Linguas Estranxeiras; Tradución Galego-Inglés e Tradución Galego-Francés no campus de Vigo), mentres que no das Ciencias da Sáude a demanda superou á oferta en dúas das cinco titulacións (Enfermaría no campus de Pontevedra e Enfermaría Meixoeiro).
Nos ámbitos das Ciencias Experimentais e no Tecnolóxico as solicitudes de matrícula só superaron á oferta nunha titulación no primeiro caso (Ciencias do Mar no campus de Vigo) e en dous no segundo (Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría Mecánica, ambos no campus de Vigo).

Incremento de matriculados en Vigo e Ourense e estabilización en Pontevedra

Por campus o de Vigo rexistrou este curso 2085 matriculados nos primeiros cursos dos graos, o de Ourense 841 e o de Pontevedra 693. En relación co curso pasado os campus de Vigo e Pontevedra incrementaron o seu alumnado en 70 e 58 estudantes respectivamente, mentres que o campus de Ourense rexistrou un descenso de 12 matriculados respecto do curso 2010-2011.

Por ámbitos o Xurídico-Social foi o que maior incremento no número de matriculacións respecto do curso pasado rexistrou. Así das 1591 de 2010-2011, pasáronse ás 1835 neste curso. Con 235 matriculados o Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) do campus de Vigo foi o primeiro deste ámbito, seguido por ADE do campus de Ourense con 129, o Grao en Comercio (campus Vigo) con 127 e Ciencias da Actividade Física e do Deporte con 110.
No ámbito das Humanidades a matrículación medrou dos 364 estudantes do curso 2010-2011 aos 370 deste curso. Con 128 matriculados o Grao en Belas Artes foi a titulación máis matricula, seguida de Tradución Español-Inglés con 49 e Tradución Galego-Inglés con 47.En Ciencias da Saúde a matrícula mantívose constante nestes dous cursos con 260 matriculados, sendo o Grao en Enfermaría de Povisa e os do Meixoeiro e Pontevedra os que maior demanda de prazas rexistraron.
En Ciencias Experimentais a matriculación baixou este curso en catro persoas respecto de 2010-2011, pasándose dos 250 aos 246. Ciencias do Mar foi o grao máis demandado con 72 matriculados, seguido de Bioloxía con 60 e Química con 46. No ámbito Tecnolóxico confirmouse un descenso na matriculación pasandose das 1032 prazas cubertas o pasado curso ás 908 de 2011-2012. O Grao en Enxeñaría Mecánica foi o que máis matriculados tivo con 188, seguido de Enxeñaría de Telecomunicación con 139 e Enxeñaría Electrónica con 111.

Máis de 1500 estudantes matriculados no primeiro curso de 75 mestrados

1522 estudantes matriculáronse no primeiro curso dos 75 mestrados que este curso se imparten nos tres campus da Universidade de Vigo, unha cifra á que se se lle engaden o resto de matriculados noutros cursos elévase a 1997. En 2010-2011 o número total de matriculacións nos diferentes cursos dos mestrados acadou os 2124, polo que respecto do curso pasado neste 2011-2012 confírmase un descenso en 127 alumnos, o que representa un 5% menos. Un descenso que o reitor explicou que se produciu polo proceso de adaptación a Boloña “froito do axuste realizado á baixa porque a oferta é menor”. Mato lembrou que á espera do novo decreto da Consellería de Educación que regulará os límites nos novos mestrados a Universidade de Vigo paralizara a oferta dos títulos de posgrao nos que “a matrícula nos próximos anos será á baixa seguindo na liña de incremento da calidade que nos permita manter o nivel de recoñecementos cara á excelencia que este curso recibiron unha vintena de mestrados”.

Cómpre destacar que como no caso dos graos, o mestrados teñen tamén límite de prazas que en oito dos programas ofertados este curso foron superados pola demanda do alumnado. Trátase dos mestrados en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas que se imparte no campus de Pontevedra; os mestrados en Creación, Dirección e Innovación na Empresa e en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos do campus de Ourense e o de Tradución Multimedia, Xestión de Desenvolvemento Sostible, Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social, Ciencia e Tecnoloxía en Termalismo e Balnoterapia e Bioloxía Avanzada do campus de Vigo.

22.774 matriculados en todas as titulacións

Lixeiro incremento no número total de estudantes matriculados na totalidade de titulacións que se imparten este curso na Universidade de Vigo, respecto do anterior. A suma do estudantado que neste 2011-2012 está cursando algunha titulación da institución académica viguesa ascende a 22.744, fronte aos 22.325 do curso pasado, o que representa un incremento de 419 e se traduce nun 2% de aumento.

Por campus a matrícula total sube lixeiramente respecto do curso pasado no campus de Vigo, onde se pasa do 60 ao 61,4% e tamén no de Ourense onde se acada case o 21%, fronte ao 20% do curso pasado e diminúe no campus pontevedrés onde do 18% do curso 2010-2011 se pasa ao 17,5% do curso actual. Por sexos o 52% son mulleres e o 48% homes.