DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se conclúe nunha tese de doutoramento

O 94% dos municipios galegos carece dun órgano especial para xestionar o deporte

O autor do estudo propón a creación dun grupo de investigación en xestión deportiva na Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI DUVI 16/12/2008
Pontevedra
Mentres que a tendencia en España é a de empregar un modelo autónomo de xestión do deporte, en Galiza o 94% dos municipios non conta cun órgano especial de administración para regulalo, sendo esta unha das responsabilidades das entidades públicas, a de fomentar e promocionar a práctica da actividade física entre os cidadáns. Esta é a principal conclusión á que chegou José Fernández na súa tese de doutoramento, A situación da xestión deportiva municipal en Galicia, unha análise da realidade deste servizo nos concellos da comunidade. Segundo explicou o autor, “o fin último deste estudo é o de crear un precedente que dea lugar a posteriores investigacións que afonden na problemática da xestión deportiva municipal e que posibiliten a aparición de iniciativas de mellora do servizo”.
Para levar a cabo o seu traballo, José Fernández fixo unha análise dos 315 municipios de Galicia en canto ao modelo de xestión deportiva que empregan, a importancia que se lle dá á actividade física no conxunto dos servizos ou os investimentos que se destinan a esta práctica. Ademais, a estes criterios, o investigador engadiu outros como as características demográficas, xeográficas e estruturais que condicionan a cada concello e, por suposto, ao servizo que ofrecen.

Unha investigación en dúas fases

Ao longo da tese de doutoramento, presentada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o autor estableceu dúas fases, de xeito que na primeira dedicouse a recompilar información sobre a xestión municipal deportiva de cada un dos 315 concellos a través de conversas telefónicas, de revisións bibliográficas e de bases de datos de internet. Xa na segunda etapa, José Fernández afondou nos motivos que levan aos responsables dos servizos de deportes de cada localidade a establecer o seu modelo de xestión, empregando un cuestionario e entrevistas telefónicas a cada un deles.

A creación dun grupo de investigación en xestión deportiva

Aínda que o obxectivo inicial da tese de doutoramento era facer unha análise da xestión municipal deportiva en Galicia, os resultados acadados deixan abertas varias liñas de investigación sobre as que traballar, como a idea de crear un grupo de investigación especializado en xestión deportiva dentro da Universidade de Vigo. Por outra banda, a elaboración de plans e sistemas de calidade ISO para os servizos deportivos municipais e o fomento de actividades de divulgación e formación como cursos e congresos, son outras das vías de estudo que abre a tese de José Fernández.