DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na terceira sesión do ciclo Universium

Abel La Calle reclama á sociedade que exerza o seu dereito á participación pública na política de augas

Foi presentado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/11/2008

Interrogando aos asistentes ao relatorio sobre a súa participación activa en accións relacionadas coas políticas da auga, comezou o profesor da Universidade de Almería e vicepresidente da Fundación Nueva Cultura del Agua, Abel La Calle a súa intervención na terceira xornada do ciclo Universium que dedicou a analizar a participación activa na política de augas.
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares foi o encargado de presentar a La Calle nunha intervención na que lembrou o cambio experimentado polo concepto da auga nas últimas décadas, “pasando de ser un factor de produción , nun escenario no que non había ningunha crise, a unha sociedade desenvolvida na que a auga é un dos focos do debate político”. Fernández Liñares que sinalou que, ao contrario do que ocorre co viño, os que máis saben de auga son as persoas de zonas onde o recurso é escaso, destacou que España é un país “pioneiro en temas e administración da auga ata o punto que exportamos a Europa o noso modelo de concas hidrográficas”
Antes de entrar a detallar un caso de boas prácticas no que a participación activa en política de augas se refire, Abel La Calle afondou nas razóns que fan preciso ese protagonismo da sociedade nesta cuestión aludindo ao deterioro que sofren o medio ambiente e os sistemas acuáticos, a ineficacia das normas e a incerteza da que dixo “somos vítimas”.

O como e o por que da participación pública

Fronte a sistemas anteriores que limitaban a participación da sociedade nas políticas da auga, Abel La Calle destacou que a nova Directiva Marco da Auga “promove a participación de toda a sociedade”, unha posibilidade da que os cidadáns deben facer uso e que, lembrou, comezou a fraguarse na Declaración de Río de Janeiro de 1992, foi adaptada á UE co Convenio de Aarhus e ten o seu reflexo en numerosas normas da lexislación española referidas a cuestións como información ambiental, participación pública, acceso á xustiza ou educación. “A incorporación da sociedade á toma de decisión é revolucionaria”, sinalou La Calle “ e esta novidade non a debemos desaproveitar”.
Claro que para que a participación pública sexa unha realidade cómpre, segundo, La Calle que se produzan unha serie de claves como que as autoridades realmente crean no valor da participación pública,que, dixo o profesor, “teñen que liderar”.
A esta clave súmanse outras tres como son a información, tanto técnica como divulgativa; os medios humanos e materiais e un público interesado e xeral. Precisamente “é o público xeral o que pode operar os cambios”, sinalou La Calle “sen embargo non se está a chegar ao público en xeral que por exemplo non sabe da existencia dunha Directiva Marco da Auga que está en proceso de planificación”.

Un caso de boas prácticas...ou case

Antes de dar paso ao debate, Abel La Calle, finalizou o seu relatorio coa exposición do que definiu como un caso de boas prácticas de planificación pública. O vicepresidente da Fundación Nueva Cultura del Agua referiuse ao proceso desenvolvido pola Axencia Catalana da Auga para elaborar un proxecto de plan de xestión que comezou coa división do territorio en 16 áreas en función de outras tantas concas internas. A partir de aí iniciouse o proceso de información ás partes interesadas e as reunións sectoriais, ás que seguiron plenarios de valoración, obradoiros intersectoriais, para finalizar cun plenario de presentación de propostas e un plenario de resposta por parte da administración.
Aínda así La Calle considera que o proceso tivo unha eiva xa que “o público en xeral non participou”, algo que podería terse paliado introducindo unha mesa temática de medios de comunicación que lles permitise aos xornalistas adquirir maiores coñecementos sobre as políticas da xestión das augas que logo trasladarían á sociedade.