DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 10 de xullo

Aberta a convocatoria para os premios extraordinarios de doutoramento

Para teses lidas na Universidade de Vigo no curso 2007/2008

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 15/06/2009
23 premios extraordinarios de doutoramento para as mellores teses lidas no curso pasado. Estas son as distincións ás que poderán optar todos aqueles estudantes de doutoramento que presentasen as súas teses no curso 2007/2008 obtendo unha nota mínima de sobresaliente cum laude.
En total, son 111 as teses de doutoramento lidas nese ano académico entre as que se repartirán 23 de premios extraordinarios. No ámbito científico presentáronse 39 teses entre as que se entregarán 8 premios; no ámbito humanístico léronse 9 teses e outorgaranse 2 premios; no ámbito tecnolóxico foron 40 as teses e serán 8 os premios e, finalmente, no xurídico-social, léronse 23 teses e os premios será para os 5 mellores.
Esta nova convocatoria que vén de abrirse comprende de prazo dende o 10 de xuño ata o vindeiro 10 de xullo para que os interesados presenten as súas solicitudes e a documentación precisa.

Requirimentos

Ademais da esixencia de ter lido a tese na Universidade de Vigo no curso 2007/2008 e obter unha cualificación mínima de sobresaliente cum laude, os candidatos deberán presentar no Negociado de Terceiro Ciclo o impreso TC-28, un informe do director, un informe da repercusión da tese no ámbito de coñecemento, a listaxe dos méritos alegados relacionados coa tese e documentación acreditativa dos mesmos, o currículo vitae e unha copia da tese.
A publicación dos seleccionados realizarase ante do 30 de novembro de 2009 e a concesión do premio suporá a gratuidade no pagamento das taxas para a expedición do título de doutor, segundo o disposto para estes casos na lexislación estatal. Ademais a mención do premio farase constar no título de doutor de acordo coas normas que dite o Ministerio de Educación e Ciencia.

Valoración dos candidatos

O tribunal encargado de conceder os premios valorará por unha banda a tese presentada, por outra os méritos de investigación como a publicación en revistas, libros, exposicións, patentes, prototipos ou innovacións tecnolóxicas ou artísticas e comunicacións en congresos, seminarios ou simposios e finalmente valorará tamén as estadías predoutorais de investigación e o informe de valoración confidencial da tese de doutoramento.