DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra reúne as obras que 27 tituladas e titulados en Belas Artes desenolveron como TFG

Aberta a inscrición nos obradoiros da exposición ‘Do final e do comezo’

Tamén é posible apuntarse ás diferentes visitas guiadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/01/2024

Desde a pasada semana e ata o 11 de febreiro pode visitarse no Pazo da Cultura unha nova edición de Do final e do comezo, unha exposición promovida polo Concello e a Facultade de Belas Artes que presenta unha selección de obras que o alumnado deste centro desenvolveu como traballos de fin de grao (TFG). Co obxectivo de achegar a arte contemporánea ao público xeral, a mostra vese complementada por unha serie de visitas guiadas e por obradoiros impartidos por dúas das artistas participantes. Segundo informou o Concello, desde este martes permanece aberta a inscrición nestas actividades complementarias, con prazas limitadas, a través da plataforma Apúntate.

Tomando como punto de partida os seus propios procesos de traballo, dúas das artistas seleccionadas impartirán tamén dous obradoiros dirixidos a un público infantil e familiar, abertos a un máximo de 15 persoas. O primeiro deles, Arqueoloxía con plastilina, correrá a cargo de Nato Brandariz e terá lugar o sábado 3 de febreiro. A actividade fusionará “o proceso de modelado coa arqueoloxía e cos procesos de arquivo e debuxo” e levará as e os participantes a crear e documentar a súa “propia criatura de plastilina”. Por outra banda, o venres 9 de febreiro Susana Gómez impartirá Narrativas dende o téxtil, un taller no que as e os participantes darán forma a un pequeno “fanzine téxtil”, convertendo as teas ou prendas achegadas polos participantes nun “soporte e material pictórico”. 

Por outra banda, permanece aberta tamén a inscrición nunha serie de visitas para o público xeral, conducidas polas responsables de VacioCero, coordinadoras da mostra. Estas terán os días 17 e 24 de xaneiro e o 7 de febreiro ás 18.30 horas e os 21 de xaneiro, 3 e 11 de febreiro ás 12.00 horas.