DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pasa dun curso de duración a dous e ofrece 15 prazas entre Vigo e Ourense

Aberta a inscrición no Programa universitario para o emprego e a vida autónoma das persoas con diversidade intelectual

O obxectivo é mellorar a súa formación académica e preparación laboral como cidadáns activos

Etiquetas
  • Ourense
  • Vigo
  • Cursos
  • Diversidade
  • Académica
DUVI 02/08/2023

Cun acto de graduación como o resto do alumnado da UVigo remataban hai unhas semanas a súa formación as doce persoas que participaron no curso 2022/2023 no Programa universitario para o emprego e a vida autónoma para persoas con diversidade intelectual. Esta iniciativa, que ten como obxectivo dotar ás e aos participantes de competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadás activos, abre agora o período de preinscrición de cara á edición do vindeiro curso, que chegará con múltiples novidades de duración e estrutura académica. 

Como explica a coordinadora do programa e vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, a UVigo é unha das 31 universidades españolas que ofertan este título, cuxo obxectivo principal é proporcionar formación universitaria a mozos e mozas con discapacidade intelectual poñendo o foco en aumentar a súa autonomía e preparalos para o mundo laboral. As e os participantes adquiriren habilidades e competencias necesarias para aumentar as súas posibilidades de inclusión social e laboral, desenvolven experiencias inclusivas e de normalización dentro da comunidade universitaria da UVigo e adquiriren unha formación integral e personalizada para que poidan participar como membros de pleno dereito na súa comunidade. Deste xeito, a institución académica implícase na inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través da formación e a mellora da súa empregabilidade e tamén abre as súas portas a aquelas e aqueles que logo queiran continuar co seu ciclo formativo, accedendo aos estudos universitarios que ofrece a UVigo. 

O programa, que arrancou en 2021, está destinado a persoas con idades comprendidas entre 18 e 29 anos, con discapacidade intelectual recoñecida igual ou superior ao 33 % e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. O prazo de solicitude das prazas para o próximo curso está aberto ata o 8 de setembro e a matrícula está subvencionada na súa totalidade, xa que se trata dunha formación financiado polo Programa Unidiversidad da Fundación ONCE e cofinanciado polo FSE+. En total ofértanse 15 prazas que se repartirán entre os campus de Vigo e Ourense, de igual xeito que no curso pasado, e a docencia impartirase entre o 18 de setembro e o 7 de xuño. 

Principais novidades: dun curso de duración a dous

Respecto das dúas primeiras edicións, o vindeiro curso o programa presenta varias novidades destacables, como explica a vicerreitora Maribel Doval. Por unha banda, decidiuse realizar un cambio de estrutura do título, pasando de ter un ano de duración e 40 créditos a artellarse en dous cursos académicos de 60 créditos cada un. Así, a docencia comprenderá 600 horas presenciais, que se impartirán en facultades dos campus “en convivencia cotiá coa comunidade universitaria co obxectivo de acadar o enriquecemento que achega a diversidade” e outras 200 horas de prácticas en empresas. Ademais, o título desenvólvese en colaboración coas asociacións Down Vigo e Down Ourense, entidades especializadas na atención a persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual que proporcionan unha resposta á necesidade de familias e persoas con diversidade intelectual.

A formación que reciben os mozos e mozas é eminentemente interdisciplinar e a docencia corre a cargo tanto de profesorado da UVigo como dos profesionais de Down Vigo e Ourense, que ademais realizan apoios activos dentro da aula, actuando como especialistas en pedagoxía terapéutica. Entre as materias que se recollen no programa están: habilidades emocionais, matemáticas, cultura e sociedade, expresión e comunicación, ciberseguridade e ética ou obradoiros de igualdade de xénero, de elaboración e presentación dun currículo, de emprendemento, de vida saudables, de inglés, etc. A maiores destas materias obrigatorias ofértanse tres itinerarios optativos, dous deles en Vigo sobre formación laboral en administración e xestión e sobre formación laboral en validador lectura fácil e un terceiro en Ourense centrado na formación laboral en xestión turística, do patrimonio e a cultura. Ademais, o alumnado participará en actividades inclusivas nas aulas da Universidade de Vigo, obradoiros, actividades deportivas e de extensión universitaria e saídas e visitas de estudo.

Respecto das novidades, como avanza a vicerreitora, de cara a esta nova edición tratarase de incluír algún egresado ou egresada das dúas primeiras edicións como asistente de aula para algunhas das actividades ou obradoiros programados. Precisamente, respecto aos talleres, avanza que se impartirá un de emprendemento en colaboración coa Fundación Ronsel e a ONCE; un tándem lingüístico con estudantado Erasmus; un para o deseño dunha campaña de comunicación do título propio e outro de saúde emocional. Finalmente, tamén se ampliará a programación de visitas, por exemplo, a empresas do sector da automoción e da alimentación, así como a museos ou escavacións arqueolóxicas. Finalmente, engade Doval, “tentaremos testar un piloto de módulo de formación en validación de accesibilidade e usabilidade, que se centrará principalmente na subtitulación de vídeos e accesibilidade arquitectónica e web”. 

Paralelamente a todo isto, dende a Vicerreitoría estase a traballar na futura posta en marcha dunha Cátedra UVigo Diversidade, de carácter público-privado, para apoiar con máis recursos financeiros o desenvolvemento do título, que a vicerreitora agarda que se poida poñer en marcha en 2024.