DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartirase en febreiro e marzo en base aos últimos cambios do Código Técnico de Edificación

Aberta a inscrición para a segunda edición do Curso de posgrao de eficiencia enerxética na rehabilitación de edificios

En España existen preto de 10 millóns de vivendas que necesitan someterse a obras de renovación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 11/01/2023

Tras unha exitosa estrea o curso pasado, a Universidade de Vigo volverá  impartir nos meses de febreiro e marzo unha nova edición do Curso avanzado de posgrao de eficiencia enerxética na rehabilitación de edificios. O obxectivo deste título propio, inserido na oferta da a Escola Aberta de Formación Permanente é “ofrecer ao alumnado unha visión ampla das últimas técnicas existentes para acadar a eficiencia enerxética nos edificios, especialmente á hora de planificar a súa rehabilitación”. A necesidade desta formación responde a unha realidade: en España existen preto de 10 millóns de vivendas que necesitan rehabilitación, polo que este é un campo de emprego potencial para estudantes de enxeñaría e arquitectura, persoas tituladas universitarias e profesionais de perfil técnico interesados en incorporar coñecementos sobre eficiencia enerxética na rehabilitación de edificios ao seu currículo. 

O director do curso, o profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos Pablo Eguía, explica que o O obxectivo, como na anterior edición, é achegar de xeito práctico tanto aos profesionais do sector como ao alumnado das escolas técnicas estes temas novidosos, a través de exemplos reais de edificios e as súas instalacións, para que poidan dimensionar e orzamentar as distintas partidas dentro dos actuais proxectos de rehabilitación”. Destaca que no curso pasado “acadamos o máximo de inscritos, que foi de 32 e, de feito, tivemos que deixar fóra a algún posible alumno”. Entre o estudantado había profesionais da arquitectura e da enxeñaría e estudantes de graos destas ramas, cuxa opinión “foi francamente positiva en todos os temas tratados no curso. É por isto que nos animamos a levar a cabo esta segunda edición e agardamos volver a ter o éxito do curso pasado”, recoñece.

O curso, para o que a inscrición xa está aberta, terá unha duración de 70 horas, que se impartirán os venres pola tarde e o sábados pola mañá en o 10 de febreiro e o 24 de marzo en modalidade virtual síncrona a través de Campus Remoto e comprende 13 módulos teóricos e un práctico, xunto coas titorías. 

Das medidas pasivas ás instalacións fotovoltaicas e os puntos de carga de coches eléctricos

Ao longo destas 70 horas abordaranse as diferentes aspectos relacionados coa rehabilitación e a eficiencia enerxética. Así, o programa inclúe unha introdución á metodoloxía BIM e ás súas utilidades á hora de calcular o aforro en demandas enerxéticas, así como para a certificación dos edificios e o seu cumprimento do Código Técnico da Edificación (CTE). Tamén se analizarán as medidas pasivas que se están aplicando na actualidade, xunto con ferramentas que permitan calculalas, executalas e orzalas. A docencia céntrase, especialmente, no illamento e redución de pontes térmicas, mentres que un bloque sobre medidas activas introduce o alumnado no mundo da monitorización de edificios e a súa relación coas instalacións, especialmente térmicas. Tamén se propón o cálculo e orzamento de instalacións de ventilación mecánica, que contribúan a acadar os obxectivos previstos no Código Técnico de Edificación. Este bloque tamén inclúe unha introdución ao mundo das instalacións fotovoltaicas, con ferramentas de cálculo sobre o potencial fotovoltaico dos edificios, así como un achegamento á instalación de calefacción e ACS mediante bomba de calor. Ademais, outro capítulo permitirá aos asistentes coñecer como afecta a carga do vehículo eléctrico á instalación eléctrica dos aparcamentos do edificio. O programa pecharase cunha módulo centrado na solicitude de axudas e subvencións para a rehabilitación de vivendas.

Ao final do curso, o alumno adquirirá os coñecementos para poder acometer proxectos de rehabilitación de edificios dende o punto de vista enerxético. Coñecerá as ferramentas informáticas que lle permitan modelar edificios, calcular cualificacións enerxéticas, cumprimento do código técnico da edificación (HE1 e HE0), cálculos de pontes térmicas, medidas pasivas, instalacións fotovoltaicas, instalación de bombas de calor, ventilación mecánica controlada e monitorización de edificios.
A novidade, un módulo sobre as bombas de calor

"Nesta segunda edición do Curso avazado de eficiencia enerxética na rehabilitación de edificios propuxémonos incluír un novo capítulo dentro da axenda do ano anterior centrado nas instalacións de bombas de calor”, apunta Eguía. Así, atendendo ao panorama actual da descarbonización dos edificios, “completamos os capítulos de instalacións de xeración fotovoltaica e recarga de vehículos eléctricos cun capítulo que nos ensina como substituír as actuais caldeiras de gasóleo e gas natural por unha instalación eléctrica baseada en bomba de calor para a xeración de auga quente sanitaria e calefacción”.

Outra das novidades é a incorporación ao cadro de profesorado dun experto en instalacións térmicas, “que se suma ao grupo de profesionais da arquitectura e da enxeñaría que conforman un excepcional grupo de oito profesores, algúns deles tamén docentes da Universidade de Vigo, co que se completa aos expertos nas últimas novidades en edificación, modelización, certificación enerxética, medidas de rehabilitación pasivas e activas, monitorización e subvencións”.

A inscrición, ata o 31 deste mes

O prazo de inscrición está aberto ata o 31 de xaneiro, mentres que a matrícula poderá formalizarse entre o 16 deste mes ata o 16 de febreiro. Os prezos varían entre o 340 euros para os membros da comunidade universitaria, 360 euros para as persoas Alumni e 400 euros para o público xeral.