DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo cuadrimestre das Escolas Deportivas

Aberta a participación en máis de 50 actividades deportivas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/02/2009

Ata o 5 de febreiro no caso das renovacións e ata o 18 no das matrículas novas, estará aberto o prazo de inscrición nas actividades do segundo cuadrimestre das Escolas Deportivas.
O programa estrela do Servizo de Deportes oferta nos tres campus máis de 50 actividades co obxectivo de fomentar a práctica do exercicio físico saudable á vez que se desfruta do tempo de lecer. Ademais alumnado, PAS e PDI que son os colectivos aos que van dirixidas as actividades das Escolas Deportivas, poden acadar créditos de libre configuración, no caso do ioga, natación e tenis.
Os membros da comunidade universitaria que xa participaron en actividades do primeiro cuadrimestre teñen de prazo tope para realizar a súa renovación o 5 de febreiro. No caso das persoas que se matriculen por primeira vez o prazo fixado é do 9 ao 18 de este mes.

Decenas de actividades nos tres campus

O 23 de febreiro comezarán as actividades do segundo cuadrimestre que se prolongarán ata o 7 de xuño, cun parón entre o 5 de o 13 de abril por causa da Semana Santa.
A oferta de actividades en este segundo cuadrimestre volve mesturar as máis clásicas con outros deportes máis modernos e orixinais. Así o Servizo de Deportes no campus de Ourense realiza unha oferta de actividades que inclúe aeróbic, bailes de salón, boxeo, capoeira, escalada, pilates, remo ou tenis de mesa. Mentres en Pontevedra é posible a práctica de musculación, ioga, aerostep, tai chi e power pump. Pola súa banda o Servizo de Deportes no campus de Vigo oferta para este segundo cuadrimestre un completo programa de actividades que inclúe, entre outras, aikido, danzas orientais, gap, iudo, kendo, muay-thay boran ou wu shu.
Ademais de nas instalacións deportivas da universidade, as actividades desenvolveranse en distintos centros e ximnasios das cidades de Ourense, Pontevedra e Vigo.