DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os traballos poden presentarse ata o 30 de setembro

Aberto o prazo de presentación de vídeos para o III Concurso Móvete polos ODS

O certame está aberto a alumnado das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 11/07/2023

A Rede Galega de Cooperación Universitaria, integrada pola Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo, convoca a terceira edición do concurso de vídeos Móvete polos ODS. O obxectivo deste certame é dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento sostible (ODS) de Nacións Unidas e sensibilizar á  comunidade universitaria, e á sociedade en xeral, sobre a importancia de que todas as persoas formen parte da solución aos grandes retos mundiais sobre a desigualdade, o cambio climático, a perda da biodiversidade, etc...

O concurso está aberto ao alumnado das tres universidades galegas, que poderán presentar os seus traballos, tanto de maneira individual ou en grupo, ata o vindeiro 30 de setembro. O vídeos deberán ter unha duración dun minuto como máximo en formato mp4 e terán que centrarse en como se pode contribuír individualmente á consecución dalgunha das 169 metas nas que se materializan estes obxectivos de desenvolvemento sostible.

As pezas audiovisuais poden ser en cor ou en branco e negro e a resolución ideal é de 1920x1080p, aínda que tamén se aceptarán traballo en 1280x720p. 

1500 euros en premios

O concurso repartirá un total de 1500 euros en diferentes premios, e serán as votacións do público en Youtube as que determinarán boa parte dos gañadores. Para isto, unha vez recibidos todos os vídeos, a organización subirá a esta plataforma todos os traballos que cumpran as bases e as votacións desenvolveranse ata o día 16 de novembro ás 14:00 horas. 

O vídeo con máis Gústame recibirá o primeiro premio, dotado de 550 €, o segundo obterá 350 € e o terceiro 200 €. Paralelamente, outorgarase un premio á innovación cunha dotación económica de 400 € cuxo gañador será elixido por un xurado, que estará formado polos vicerreitores e vicerreitoras con competencias en materia de cooperación das tres universidades galegas ou persoa na que deleguen. Nesta categoría, o xurado valorará que as propostas se axusten á temática do concurso, a contextualización dos ODS da Axenda 2030 nos contidos do vídeo, que teñan unha presentación innovadora, a súa orixinalidade e creatividade e a calidade técnica. No caso de que o premio á innovación recaia sobre un dos premios gañadores por votación en YouTube, a contía sumarase ao importe dos premios dos vídeos gañadores por likes.