DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata 600 euros para cada unha das teses de doutoramento premiadas, e ata 150 para os TFG e TFM

Aberto prazo para solicitar as axudas para os mellores traballos académicos escritos en lingua galega

Repartiranse un total de 12.000 euros e a convocatoria estará aberta ata o 15 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/07/2023

Ata 600 euros para as mellores teses de doutoramento escritas en lingua galega e ata 150 no caso dos Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Mestrado. A Universidade de Vigo ten aberta unha nova convocatoria das Axudas para redactar e defender en galego teses e Premios á calidade lingüística no TFG e TFM, unha iniciativa coa que se quere incentivar o uso do galego  nestes traballos, así como premiar o esforzo e o rigor de lle dar un tratamento coidado ao idioma, incrementando así o patrimonio dos textos redactados.

En total destinaranse a estas axudas 12.000 euros.  As persoas interesadas en solicitalas teñen de prazo para facelo ata o vindeiro 15 de setembro. 

Os TFG e TFM deben ter unha nota mínima de 9

Os requisitos son ter defendido a tese de doutoramento, o Traballo Fin de Grao ou o Traballo Fin de Mestrado entre o 19 de setembro de 2022 e o 15 de setembro de 2023, quedando excluídos os TFG do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega), do Grao en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e do Grao en Tradución e Interpretación (Galego-Francés). Ademais, haberá que presentar a declaración do director/a da tese de doutoramento  ou do titor do TFG/TFM de que o traballo se redactou e se defendeu integramente en lingua galega, sendo neste último caso necesario ter obtido unha cualificación mínima de 9. Ademais, tanto as teses como os traballos deben estar redactados de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).

As solicitudes deben realizarse descargando o formulario en liña dispoñible na convocatoria e presentalo na sede electrónica da Universidade de Vigo, incluíndo a declaración do director/a da TD ou do titor/a do TFG/TFM de que o traballo se redactou e se defendeu en lingua galega, así como copia en formato PDF do traballo.

A Sección de Axudas e Bolsas efectuará a adxudicación, dando prioridade ás solicitudes admitidas de teses de doutoramento. No caso de que o orzamento non sexa suficiente ordenaranse por nota media do expediente académico de grao. Se non se esgota o orzamento dispoñible, o crédito restante repartirase entre os TFG/TFM que cumpran os requisitos ata un máximo por persoa de 150€, cun mínimo de 60€ ordenados por nota do traballo. 

Asesoramento da ANL

Na convocatoria das axudas tamén se lembra que as persoas interesadas en redactaren e defenderen a tese de doutoramento, TFG ou TFM oficial en lingua galega contan co apoio lingüístico e asesoramento da Área de Normalización Lingüística, ademais de poder consultar o manual Na universidade avanza co galego. Guía para mellorar a redacción do TFG e do TFM.