DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os interesados poderán presentar a documentación ata o 29 de setembro

Aberto o terceiro prazo de inscrición para 39 mestrados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 27/09/2011

Última oportunidade para matricularse nos máster que oferta a Universidade de Vigo. Dende hoxe e ata o vindeiro 29 de setembro permanecerá aberto o terceiro prazo de preinscrición nos 39 mestrados nos que aínda quedan prazas vacantes tras o primeiro período de matrícula o pasado mes de xuño e un segundo prazo ordinario a principios do mes de setembro. De carácter extraordinario e aberto a petición das comisións académicas de cada posgrao, esta será a derradeira oportunidade para cursar un mestrado este ano.

O 3 de outubro publicarase a lista provisional de admitidos, que se fará definitiva o 10 de outubro tras un período establecido para presentar reclamacións entre o 4 e o 6 do vindeiro mes. En caso de ser aceptado, o novo alumnado terá entre o 11 e o 13 de outubro para confirmar a matrícula.

Adaptado ás necesidades do estudantado

Pensados para facilitar o acceso aos máster, os aspirantes poderán matricularse a tempo completo collendo un total de 60 créditos ou a tempo parcial inscribíndose en polo menos 15 créditos por curso académico se o mestrado o permite. Nesta ocasión, 22 dos posgraos ofertados dan a opción de formación continua, na que se exclúe a matrícula no traballo Fin de Máster e naquelas materias que fagan referencia á realización de prácticas externas.

O único requisito para poder inscribirse nalgún dos mestrados é ter un título universitario oficial expedido tanto en España como en calquera universidade co seu plan de estudos adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior. O alumnado de fóra da Unión Europea terá que presentar a homologación do título ou, no caso de non dispoñer dela, facer unha solicitude de equivalencia que deberá ser aprobada por resolución reitoral e que só servirá para cursar o máster.

Unha ampla oferta de posgrao

Durante o curso 2011-2012 a Universidade de Vigo oferta ata 77 programas de posgrao con orientación investigadora e profesionalizante para fomentar que os traballadores do tecido empresarial galego sexan capaces de dar resposta ás necesidades dunha sociedade cambiante. Co aval dun amplo número de empresas e institucións que favorecen a empregabilidade do alumnado, este ano implantáronse 7 novos mestrados distribuídos nos tres campus: Bioloxía mariña, Dirección pública e liderado institucional, Xestión empresarial e do deporte, Dirección e planificación do turismo interior e da saúde, Dirección de PEMES, Lingua e comunicación nos negocios e Ciencia e tecnoloxía en termalismo e balneoterapia.