DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de portas abertas

Abre as súas portas a primeira Escola Infantil da Universidade

A vicerreitora do campus subliña a importancia deste " avance cara a conciliación da vida laboral e

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 25/01/2011

Unha combinación inmellorable de sol e sorrisos para dar a benvida a un servizo que xa é unha realidade. A primeira Escola Infantil da Universidade iniciou hoxe martes a súa actividade regular coa celebración dunha xornada de portas abertas que permitiu a pais e nais coñecer de primeira man as instalacións e servizos que o edificio ofrece aos seus cativos. Nesta primeira toma de contacto estivo presente a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, acompañada da directora xeral de Benestar Social e Educación do Concello, Carmen Santos Alfonso, e da vicexerenta do Consorcio de Escolas Infantís da Consellería de Igualdade e Benestar, Carmen García Campelo, para contactar directamente cos proxenitores e todo o persoal da escola nestes primeiros días de iniciación. Como explicou a vicerreitora, “temos unha grande ilusión por ver como os proxectos se van facendo realidade e sobre todo os encamiñados a compatibilizar a vida laboral coa familiar”.

A posta en marcha desta primeira escola infantil supón para a Universidade a consolidación dunha demanda prioritaria por parte da comunidade universitaria, que deu resposta a unha necesidade cada vez máis estendida na sociedade. Para Antonia Blanco este comezo da escola infantil significa “o primeiro punto do camiño na prestación de servizos para o traballador e traballadora universitarios e para o alumnado, facilitando que poidan ter aos seus cativos no propio campus e que sexa a uns prezos razoables e competitivos”. Pola súa banda, os pais e nais tamén amosaron o seu agrado por ver en pleno funcionamento a escola, así Mónica Valderrama, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e usuaria do servizo, indicou que “se trata dunha prestación social imprescindible da que me sinto particularmente satisfeita porque teño o neno a menos de 200 metros de onde traballo, o que me dá seguridade e, sobre todo, tranquilidade”.

Xornada de portas abertas

No día de hoxe tivo lugar unha xornada de portas abertas na que “pais e nais coñeceron a escola, viron os espazos e servizos cos que contamos e sobre todo para ter un primeiro contacto entre proxenitores, educadores e cativos”, explicou a directora da escola Ángeles Rodríguez. O certo é que todos puideron comprobar de primeira man a contorna inmellorable na que van convivir día a día os seus infantes. “Aos pais e nais chamoulles moito a atención as vistas a unha paisaxe tan natural, estando moi contentos e con ganas de comezar”, comentou a directora. Como engadiu Mónica Valderrama “o ambiente dá moi boas vibracións grazas a ese aproveitamento das paisaxe do río, integrando o edificio na natureza co emprego das grandes fiestras o que achega moita luz e alegría ao interior”.

A partir de mañá mércores continuarase co denominado período de adaptación dos nenos e nenas, necesario para que os máis cativos se vaian afacendo ás novas rutinas. Como achegou Ángeles Rodríguez, “é un proceso moi necesario porque chegan a un novo lugar con caras novas, o que facilita que pouco a pouco se vaian acostumando a nosa compañía e ao espazo”. Tres semanas durará o período de adaptación que comezará con estancias de media hora e que se irán incrementando en función da evolución dos máis pequenos, estimando que “na cuarta semana todos estean xa co seu horario completo”. Seis educadoras, dúas mestras e unha persoa de servizo xeral responsabilízanse de dar cobertura desde as 07.30 ata as 20.30 horas, ofrecendo xornada completa, de mañá ou de tarde.

Residencia, a seguinte prioridade

Un total de 44 infantes son os que finalmente están matriculados neste primeiro ano escolar. Non se cubriron as 60 vacantes dispoñibles xustificado “polo comezo das clases nun período intermedio como é xaneiro”, indicou Antonia Blanco. Mais engadiu que, “se ten previsión de que, para marzo, cando se abra de novo o período de inscrición, haxa maior demanda porque xa se trata de matriculacións para todo o ano escolar”.

Finalizada unha das prioridades da Vicerreitoría do campus de Pontevedra como era a Escola Infantil Universitaria, a partir de agora vai focalizar todos os seus esforzos por afianzar e empezar a construír a residencia universitaria, no camiño de seguir mellorando os servizos da comunidade do campus pontevedrés. “Sen esquecernos do Edificio das Artes, o seguinte obxectivo relacionado coa mellora da conciliación da vida familiar e laboral é a residencia do campus, porque hai moitos alumnos que necesitan este servizo e sobre todo a un prezo razoable e, ao mesmo tempo, enriquecerá a vida social pontevedresa”.