DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha iniciativa a prol da dinamización cultural da vida universitaria

Ábrese a convocatoria de axudas para a organización de actividades extraacadémicas

Para aquelas que se desenvolvan nos tres campus antes do 31 de xaneiro de 2011

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 09/02/2010

Hai vida máis aló das aulas e dos laboratorios e boa parte dela xorde do propio alumnado da Universidade. Con esta premisa a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, xunto coas vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra, abre unha convocatoria de axudas para a organización de actividades como conferencias, mesas redondas e actividades de interese xeral tanto para comunidade universitaria como para a sociedade xeral.
O obxectivo é promover e dinamizar a vida extraacadémica, facilitando a organización de actividades culturais nos centros e axudando a proxectar a imaxe da Universidade fóra da súa contorna. Así, nesta convocatoria teñen cabida ciclos, relatorios, debates e todas aquelas formas de potenciar a cultura e introducir novos puntos de vista que amplíen o ambiente cultural da institución como ciclos de cine, certames, exposicións, actividades musicais, roteiros cunha compoñente cultural ou ben natural.
As propostas deberán ser presentadas por calquera membro da comunidade universitaria no decanato ou dirección do centro ao que pertenza a persoa ou colectivo solicitante antes do 30 de outubro de 2010 e comprenderá propostas de actividades ou eventos que se desenvolvan antes do 31 de xaneiro de 2011.

Modalidades e requisitos

Esta convocatoria de axudas comprende dúas tipoloxías de actividades. Por unha banda, están as actividades de centro, que comprenden tanto as conferencias e mesas redondas dentro da cal se poden planificar ciclos ou eventos puntuais que teñan como finalidade a divulgación de temas de actualidade e interese xeral, como as actividades culturais. Neste grupo entran os eventos extraacadémicos como a celebración dos patróns dos centros, a recuperación de festas tradicionais, actividades musicais ou aquelas relacionadas co cine, a arte ou o patrimonio. Por outra banda, están as actividades de campus realizadas pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e polas vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra, cunha programación anual ou cuadrimestral de interese xeral.
Deste xeito, quedan fóra da convocatoria aquelas que presentadas por persoas alleas á Universidade, así como as que sexan competencia doutra vicerreitoría, servizo ou área distinta da área de actividades culturais. Quedan tamén excluídos os cursos, congresos ou seminarios, así como as visitas ou excursións que poidan ser financiadas como prácticas de campo e tamén todas aquelas actividades como ágapes, pinchos ou comidas.
Unha vez pechado o prazo de recepción, cada centro pode aceptar as solicitudes recibidas incluíndoas dentro da programación de Extensión Universitaria de cada centro que será remitida á Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes ou ás do campus correspondente. As axudas consisten nunha cantidade fixa para cada centro (2770 euros) e unha parte variable en función do número de alumnos matriculados en primeiro, segundo e terceiro ciclo, que varían entre os 460 euros e os 1840 euros.