DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 4 ao 8 de setembro

Ábrese a matrícula para a 2ª edición do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible

Tras o éxito do curso anterior, nesta ocasión terá un marcado carácter internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/08/2009

Avalado polo éxito da primeira edición a vindeira semana abrirase o calendario de matrícula para os estudantes que estean interesados en cursar o Máster en xestión do desenvolvemento sostible. Con arredor de vinte estudantes xa titulados, este proxecto cubre “unha importante carencia de profesionais que non existían con formación tecnolóxica, empresarial e científica no eido da xestión ambiental e enerxética”, salientaba o coordinador do mestrado, Xavier Labandeira, notablemente satisfeito polo éxito da anterior edición.
Competitivo a nivel internacional, o curso abre matrícula con algunhas das súas 25 prazas xa cubertas, pois durante o mes de xullo inscribíronse os estudantes residentes en países de fóra do Espazo Europeo da Educación Superior. “De feito outorgamos xa as catro bolsas que creamos para este tipo de alumnos”, subliñou Lavandeira en referencia as axudas que o mestrado pon a disposición destes estudantes. “Outorgamos dúas bolsas de 1.000 euros, coas que os beneficiarios poderán sufragar os gastos da matrícula e outras dúas de 4.000, que contribúen tamén a costear a manutención”, indicou o profesor, que tamén salientou o elevado nivel dos solicitantes, “son xente con moi boa formación nos seus países, na maior parte dos casos teñen varias carreiras, tanto do ámbito das ciencias ambientais como da empresa e da enxeñería”.

Menor presencialidade sen renunciar a contidos

Entre as principais novidades que se porán en marcha o vindeiro curso, destaca unha importante redución do número de clases presenciais, unha medida coa que se tratará de facilitar o acceso a aquelas persoas que xa estean traballando. “Trátase simplemente de reducir a presencialidade sen renunciar a contidos”, salienta o coordinador en referencia a que este ano as clases se van concentrar en tres días a semana, se ben se manterá o mesmo cadro de profesorado do curso anterior, composto dun 40% de docentes e no 60% de reputados profesionais, “e, por suposto, o período de prácticas en empresas”.
“Unha parte do noso éxito depende da colaboración co sector empresarial e coas administracións públicas”, tanto para o financiamento, como para as prácticas dos estudantes e para a docencia, “xa que tentamos fuxir de endogamia contando con profesores doutras universidades e con moi bos especialistas nestas materias, na procura sempre da excelencia”. Neste sentido, entre os colaboradores do MXDS están a Xunta de Galicia, Iberdrola, Alcoa, Coren, Tragsa, Sogama ou a CEP, entre outros.

Profesionais polivalentes moi demandados polo mercado de traballo

O período de matrícula do mestrado, aberto a profesionais de todos os ámbitos, dende as enxeñarías, a bioloxía ou as ciencias do mar ata o dereito ou a economía, abrangue do 4 ao 8 de setembro.En total son 60 créditos ECTS divididos en 41 de docencia e 19 de prácticas cun marcado carácter profesionalizante.
A docencia, ao igual que o curso pasado, dividirase en sete módulos, de setembro a abril e deixará paso a dous meses de prácticas en empresas. “Os dous primeiros módulos son xerais e introdutorios, mentres que os restantes poñen especial énfase na especialización” en temas como a avaliación ambiental de proxectos, a responsabilidade social corporativa ou a xestión ambiental na empresa. Paralelamente, organizaranse actividades complementarias como visitas a empresas ou seminarios “que agardamos que estean abertas a toda a sociedade e poidan atraer, pola actualidade dos temas, ao público en xeral”.