DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total elixirán 47 representantes para a Xunta de Persoal e os Comités de Empresa

Ábrese o prazo de exposición pública do censo para as eleccións sindicais do PDI

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 21/03/2011

O persoal docente e investigador da Universidade está chamado a elixir aos seus representantes sindicais o vindeiro 11 de maio. Co proceso electoral xa en marcha, mañá martes faise público o censo provisional e iníciase o prazo de reclamacións sobre o mesmo, que permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de abril.

Neste proceso electoral elixiranse tres órganos de presentación. Por unha banda, os 21 representantes na Xunta de Persoal, que agrupa ao profesorado funcionario dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo; por outra, o Comité de Empresa para o campus de Ourense, que representa ao profesorado con contrato laboral, cun total de 9 representantes e, finalmente, o Comité de Empresa na provincia de Pontevedra, cun total de 17 representantes dos campus de Vigo e Pontevedra.

O vindeiro 1 de abril abrirase o prazo de presentación de candidaturas, que serán proclamadas de xeito definitivo o día 15 dese mesmo mes, dando paso á campaña electoral que se realizará entre o 25 de abril e o 9 de maio.

O censo electoral total, entre PDI laboral e funcionario ascende a 1780 peroas. Deses electores, 630 corresponden ao PDI Laboral que elixirán o Comité de Empresa de Pontevedra e 220 que elexirán o de Ourense. No tocante ao PDI Funcionario, poderán votar 930 docentes e investigadores para elixir a Xunta de Persoal. Os censos poderán ser consultados nos Rexistros da Universidade e na secretaría virtual.

Na actualidade teñen representación sindical CIG, CCOO, UGT, CSIF e AGPTU (Asociación General de Profesores Titulares de Universidade).