DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O período de presentación de solicitudes esténdese ata o vindeiro 22 de xuño

Ábrese o prazo de preinscrición no curso de adaptación ao grao para diplomados en Fisioterapia

É a súa segunda convocatoria e, ante o éxito da primeira, manterase mentres haxa demanda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 15/06/2010

A posibilidade de homologar a diplomatura de Fisioterapia cunha titulación de catro ou cinco anos é unha vella reivindicación deste colectivo profesional. Parte dese obxectivo acadouse o ano pasado coa implantación do grao. Por iso, a Escola Universitaria de Fisioterapia do campus decidiu poñer en marcha un curso de adaptación para os diplomados con anterioridade. Tras o éxito da súa primeira convocatoria, vén de saír publicada a resolución reitoral pola que se convocan as dez prazas específicas para o curso académico 2010-11. O prazo de presentación de solicitudes iniciouse onte e permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de xuño.
“O ano pasado sacouse a convocatoria e a resolución con moi pouco tempo no mes de setembro e aínda así recibimos 50 solicitudes, moitas delas de fóra de Galicia, o que demostra que hai un interese explícito e que a xente está buscando solucións para adaptar o seu título”, comenta ao respecto o director da escola, Manuel Gutiérrez. Por iso este ano decidiron adiantar a convocatoria, para que acade unha maior difusión e se desenvolva dentro dos prazos habituais do curso académico. O obxectivo, segundo asegura o director, é manter este curso nos vindeiros anos mentres haxa demanda.

Posibilidades para continuar a carreira académica

“Cúmprese así unha reivindicación que existe no noso ámbito desde hai moito tempo, xa antes para equiparar os estudos aos dunha licenciatura e agora aos de grao, porque non é o mesmo ser diplomado que licenciado ou graduado para presentarse a unha oposición e porque un diplomado non pode acceder ao doutoramento”, explica Manuel Gutiérrez. Lembra que no caso de Fisioterapia non había un segundo ciclo propio e tampouco se ofrecía a posibilidade de acceder a un segundo ciclo relacionado coas ciencias da saúde. “Aí producíase un paradoxo, pois un diplomado en Fisioterapia que quixese continuar a carreira académica víase obrigado a facer un segundo ciclo dos de acceso libre, como os de Publicidade ou Xornalismo, aínda que non estivese relacionado cos seus estudos, para poder así acceder ao doutoramento”, aclara. Agora, coa adaptación ao grao, os diplomados en Fisioterapia teñen a posibilidade de continuar o proceso habitual da carreira universitaria, pois ábrelles as portas aos novos mestrados e ao doutoramento.

Documentación e lugar de entrega da solicitude

O modelo de solicitude atópase dispoñible en Internet como documento anexo da convocatoria e deberá entregarse, xunto coa documentación requirida (fotocopia do DNI, fotocopia compulsada do título, certificación académica e documentación xustificativa da experiencia laboral e das horas de formación) no rexistro xeral do edificio de xerencia e servizos centrais do campus de Vigo, no rexistro auxiliar do edificio anexo á EUET de Enxeñaría Industrial (rúa Torrecedeira, en Vigo) ou nos rexistros auxiliares dos campus de Pontevedra e Ourense. Como explica Manuel Gutiérrez, o expediente académico sumará ata un máximo de 4 puntos e a experiencia laboral ata 6, de maneira que a aqueles que acrediten máis de tres anos de traballo e 100 horas de formación presencial en institucións da administración pública convalídanselles as estancias clínicas e só teñen que cursar no primeiro cuadrimestre a materia de Metodoloxías de Investigación e no segundo realizar o traballo de fin de grao. “Ademais, estas materias non son presenciais, o que facilita todo o proceso”, engade o director. O día 29 de xuño publicarase a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e, tras o período pertinente de reclamacións, a lista definitiva farase pública o día 12 de xullo.