DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na procura dun información imprescindible para a mellora da calidade da docencia

Ábrese o prazo para a realización das Enquisas de Avaliación da Satisfacción das Titulacións Oficiais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 29/04/2011

A través das enquisas, a Universidade de Vigo pode obter a información máis precisa e de primeira man sobre a valoración que a comunidade universitaria ten sobre diferentes aspectos da institución. As Enquisas de Avaliación da Satisfacción das Titulacións Oficiais ofrecen datos valiosos e imprescindibles de cara a mellorar a calidade da docencia e contribúen a incrementar a eficiencia dos resultados do ensino, polo que a Universidade chama a tanto ao alumnado como ao profesorado a participar, “dun xeito sincero e responsable”. As enquisas sobre os graos e posgraos que se imparten neste curso 2010-2011 realizaranse entre este 27 de abril e o vindeiro 3 de xuño e, para facilitar o proceso de realización da enquisa, está habilitada unha plataforma informática, con acceso directo desde a páxina principal da web da Universidade de Vigo, ben desde a Secretaría Virtual ou ben a través do enlace en Enquisas de Avaliación da Satisfacción das Titulacións Oficiais 2011.

A autenticación dos usuarios e usuarias realízase a través do DNI/NIE e o NIU. O profesorado que non dispoña do NIU pode crealo en calquera momento, antes de comezar o proceso para realizar a enquisa, accedendo, dende a propia Secretaría Virtual. A enquisa é anónima e confidencial, e a identificación mediante os datos mencionados cumpre a función de código de acceso e en ningún caso quedará asociada á resposta emitida ao cubrir o cuestionario.

Para calquera dúbida, soporte ou apoio os interesados poden dirixirse á Área de Apoio á Docencia e Calidade, mediante o enderezo electrónico enquisas.calidade@uvigo.es  ou a través do teléfono 986 814009.