DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As contías oscilan entre 100 e 400 euros

Ábrese o prazo para solicitar as axudas á investigación en lingua galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/04/2010

Co obxectivo de incentivar o uso do idioma na escrita dos traballos de investigación que se realizan no seo da comunidade universitaria, a Área de Normalización Lingüística abriu xa a convocatoria de Axudas á investigación en lingua galega as que poden acceder os estudantes que realicen durante este ano a redacción e defensa en galego da tese de doutoramento, tese de licenciatura, traballo de investigación tutelado de terceiro ciclo, traballo ou proxecto fin de carreira e traballos de fin de mestrado.
Realizadas ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a Consellaría de Presidencia da Xunta de Galicia e a Universidade para a promoción da lingua galega, o pasado ano beneficiáronse destas axudas un total de 27 estudantes, 18 pola realización do seu proxecto fin de carreira, tres por tese de doutoramento e seis por outros traballos de investigación.
As axudas á investigación en lingua galega comprenden o pagamento dos gastos de fotocopiado e encadernación ata unha contía máxima que depende do tipo de traballo. Para as teses de doutoramento o tope establecido é de 400 euros e inclúe tamén a edición de 50 CD ou DVD; para as teses de licenciatura e os traballos de investigación tutelados de 3º ciclo, a contía é de 150 euros, o mesmo que para os traballos de fin de mestrado, mentres que para os traballos ou proxectos de fin de carreira, o máximo das axudas é de 100 euros.

Prazo e requisitos

As solicitudes, que deben dirixirse ao vicerreitor de Relacións Institucionais, deben presentarse ata o 30 de outubro de 2010 en calquera dos rexistros da Universidade, sempre con posterioridade á lectura e defensa do traballo.
As bolsas tamén se estenden a aquelas solicitudes que foron presentadas no último trimestre de 2009 e que non foran incluídas na resolución de febreiro de 2010. Condición imprescindible para ser atendida a solicitude é que o traballo ou tese teña sido revisado lingüisticamente pola Área de Normalización Lingüística antes da súa defensa como modo de garantir a calidade e corrección lingüística do documento.
O traballo para o que se require a axuda deberá ser redactado en lingua galega de acordo coa normativa ortográfica e morfolóxica contida nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (18ª edición revisada, decembro de 2003), que recolle os cambios aprobados pola Real Academia Galega.
Alén destas axudas, a ANL ofrece a todas as persoas interesadas apoio lingüístico e terminolóxico para elaborar os traballos en lingua galega, un servizo de asesoramento que se concreta en actividades como o servizo de consulta lingüística e terminolóxica, corrección lingüística ou tradución ao galego de traballos que comezasen a redactarse noutra lingua -ata un máximo de 50 folios-.
Toda a información sobre esta convocatoria pode consultarse na web da Área de Normalización Lingüística.