DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo de campo da Universidade tamén evidenciou a importante presenza de especies foráneas

A abundancia de especies vexetais autóctonas permitiría unha progresiva recuperación da illa de Tambo

As conclusións definitivas da investigación, que procura poñer en valor a illa, coñeceranse en outub

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/09/2014

Aínda que non será ata o vindeiro mes de outubro cando se dean a coñecer os resultados do estudo, o traballo de campo desenvolvido ao longo de xullo en Tambo por investigadores da Universidade de Vigo permite xa ir desvelando algúns dos ‘segredos’ que agocha a illa. Así, segundo confirma o director da investigación, o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Terrritorio Gonzalo Méndez, a pesares, nunha primeira impresión das visitas á illa, da importante presenza de especies vexetais foráneas, “pervive un interesante e abundante número de especies autóctonas, que permitiría unha progresiva recuperación da área se así se programase. Ademais dos hábitats e especies de interese, a illa conta con algúns elementos construtivos de carácter históricos importantes, destacando polo seu bo estado de conservación a estrutura do lazareto, que funcionou durante o século XIX, antes do seu traslado ás illas de San Simón”.

En total son nove os investigadores e investigadoras dos departamentos de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, de Ecoloxía e Bioloxía Animal e Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo que participan na investigación encargada polo Concello de Poio e o Grupo de Acción Costeira ría de Pontevedra (GAC-6) coa que se pretende coñecer dos valores da illa para definir con obxectividade que figura de protección sería factible aplicarlle. Méndez lembra que no pasado houbo unha demanda social a favor da súa inclusión no Parque Nacional das illas Atlánticas, ou subsidiariamente como parque natural, “unha demanda que non callou por diversas razóns, pero iso non quere dicir que non haxa outras figuras de protección viables ou que esas mesmas demandas non se podan reformular no futuro”.

Traballo de campo: obxectivo cumprido

Calquera toma de decisión sobre o futuro de Tambo pasa necesariamente, desde o punto de vista científico, pola realización, en primeiro lugar, dun traballo de campo na illa e nos seus arredores e aínda que a información existente é abondosa nalgún aspecto, como é o caso das cuestións históricas, Méndez considera imprescindible a revisión de calquera información, así como do inventario ambiental, do xeito máis completo posible. “Neste sentido, o balance é positivo, cumpríronse os nosos obxectivos”, asegura Méndez, que confirma que nos fondos de area próximos á illa tomaron catorce mostras de sedimento, que están a ser analizadas para coñecer a fauna bentónica, é dicir, a fauna do fondo. Mentres, na illa, realizouse unha revisión da fauna e da flora, destacando esta última, e aínda que normalmente non cómpre tomar mostras e chega coa identificación in situ, realizáronse centos de fotografías e algúns vídeos, procedéndose á identificación de máis dun cento de especies.

“Todos os que observamos Tambo desde ambas as dúas marxes da ría somos conscientes de que polo seu baixo nivel de alteración física, a illa amósase como un valor paisaxístico e quizais tamén natural”, asegura o docente e investigador, que aclara que “sen embargo, as diferentes figuras de protección de espazos naturais responden a criterios predefinidos, de aí que coñecer os valores ambientais da mesma permita definir con obxectividade que figura de protección sería factible”. Figuras de protección, que Méndez, sinala precisan de “acordos sociais, compromisos e de visión estratéxica” e que alerta están condicionadas pola proximidade do complexo industrial Ence-Elnosa, “un problema que limita as aspiracións de protección ambiental da illa e da súa contorna”.

Dous foros para coñecer a opinión dos axentes sociais e a cidadanía

O informe final sobre a illa de Tambo non incluirá só os resultados do estudo que están a realizar os investigadores da Universidade de Vigo, xa que unha vez estes se fagan públicos se celebrarán dous foros, un presencial e outro dixital, co obxectivo de coñecer, tanto a opinión dos distintos axentes sociais na área, como a de calquera cidadán interesado. “Só nese intre procederemos á redacción do informe final”, explica o tamén director da Cátedra Unesco en Desenvolvemento Litoral Sostible de Campus do Mar, que considera este estudo “unha oportunidade de traballar nunha nova área litoral, incrementando o noso coñecemento sobe o litoral galego e sobre o medio en xeral, así como a posibilidade de interaccionar con outros investigadores de diversas áreas de coñecemento”. Desde un punto de vista máis persoal, Gonzalo Méndez, considera esta unha ocasión de traballar” nunha das miñas liñas prioritarias, a da planificación e xestión do litoral e reforzar a experiencia da cátedra”, asegura.