DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O I Foro de Perspectivas Económicas recolle as posturas de expertos ante a crise

Acabada a festa, por onde pasa o futuro da economía española?

Eduardo Giménez e Albino Prada debateron sobre as posibles medidas a adoptar

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 12/04/2011
Previsible e non atallada. A actual crise económica sitúa a España nunha encrucillada de moi complicada saída, unha saída sobre a que debateron os expertos e profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Eduardo Giménez e Albino Prada, no marco do I Foro de Perspectivas Económicas que se celebra esta semana no centro.

Ambos enfrontaron as súas posicións sobre a situación actual pero tamén sobre as decisións que levaron a ela e sobre as posibles vías para saír da crise. “Acabouse a festa”, coincidiron ambos, en referencia aos anos de bonanza económica, pero discreparon no modo de ver a recuperación. Recoñeceron que durante anos o país viviu por enriba das súas posibilidades sen prever unha situación que, como apunta Albino Prada, “xa ocorrera outras veces na historia”. Agora, a solución preséntase moi complicada a curto prazo, nos próximos 4 ou 5 anos, cando o gran problema foi o retardo na avaliación do problema e na toma de decisións. “Hai dez anos que tiñamos que estar falando disto, pero daquela a maioría non estaba preocupada”, apunta o profesor Prada. Agora “non podemos depositar as nosas expectativas de crecemento no mercado exterior”, debido á “dubidosa capacidade do no noso capital industrial e empresarial” para levar adiante esta xesta, que implica tamén unha renuncia ao mercado nacional”.

Un país de apropiadores de rendas

Esta sería unha visión a curto prazo, mentres que o profesor Eduardo Giménez centrou a súa intervención nun escenario a medio prazo, amosando a eivas do actual sistema económico e político e as súas propostas para o futuro. Coincidiu con Albino Prada na descrición dun país de apropiadores de rendas, onde organismos, empresas e individuos en situación de privilexio se apropian dun xeito ou doutro das rendas dos cidadáns. Fronte a este modelo que non permite a igualdade de oportunidades, Giménez propón un Sistema de Responsabilidade Individual, no que se premie o esforzo, se potencie o poder do cidadán e o control sobre as relacións do estado tanto cos cidadáns como coas empresas, se reorganice a súa estrutura, na que entende sobran as deputacións, se prime a calidade dos servizos públicos, su unifique o mercado interior e se avogue por facilitar o labor innovador. A falta de transparencia é unha das eivas do sistema e avoga por unha profesionalización da xestión dos servizos públicos así como por unha remuneración por obxectivo dentro deles.

Por outra banda, destacou que a falta de independencia e axilidade da xustiza, a falta de control sobre os políticos e o control político da prensa a través das subvencións. “Ante todo isto o cidadán percibe que non paga a pena financiar o sistema” e chega un punto no que a sociedade acepta o fraude como normal.

Neste modelo de responsabilidade individual, Eduardo Giménez pregúntase “que podo facer eu polo país?”. A súa resposta pasa inevitablemente por “traballar máis, arriscar máis, innovar, viaxar, aprender linguas, mobilidade laboral, vender, mimar aos cliente e arriscar. Trátase de actitudes persoais que teríamos que mudar”.

O ladrillo, o culpable

“O responsable principal dos despedimentos en España non é o Goberno senón as empresas dedicadas á construción tras explotar a burbulla inmobiliaria”, explica Albino Prada. Con este punto de partida, Prada repasou a evolución da economía española nos pasados anos e a súa evolución ata chegar á situación actual, subliñando a existencia de dous tipos de problemas: por exceso e por defecto.

Por exceso referiuse á débeda, da que inicialmente non era responsable o sector público, senón as empresas non financeiras, que acabaron arrastrando ao primeiro. No tocante aos problemas por defecto sinalou ao déficit externo e a unha estrutura do capital industrial minifundista.

Que facer agora? Albino Prada cuestionou temas que segundo el “son intocables” e preguntouse que é mellor, “monetizar a débeda ou os rescates bancarios?; encarecer o diñeiro ou facilitar o crecemento?; un moeda forte ou un euro máis paritario co dólar?”. Antes este panorama, Prada augura unha complicada situación nos vindeiros anos, nos que será moi difícil adoptar medidas a curto prazo que permitan saír da crise.

Unha iniciativa integramente estudantil

Este I Foro de Perspectivas Económicas xorde do esforzo da Delegación de Alumnos de Ciencias Económicas e Empresariais e nace con espírito de continuidade. O seu coordinador, Estevo Sánchez, xunto co decano do centro, Santiago Gómez Fraiz, foron os encargados de abrir este evento, que se alongará ata o xoves. O decano recoñeceu o traballo realizado polos alumnos para sacar adiante unha iniciativa “moi oportuna en épocas de crise e posiblemente debéramos ter posto en marcha con anterioridade”. A dedicación e esforzo da Delegación de alumnos, explicou, “é un reflexo do seu compromiso coa facultade, coa Universidade e coa sociedade”. Estevo Sánchez xustificou este acto puntualizando que para o alumnado “é de moita importancia debater e escoitar debater aos seus profesores sobre os temas que nos explican nas clases”.