DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa 'Audiovisual nas Aulas' é pioneiro en España e será exportado a outras comunidades

A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas premia un proxecto de Miguel Anxo Fernández

Está promovido polo Consorcio Audiovisual de Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 13/06/2011

O proxecto Audiovisual nas Aulas, creado e coordinado polo profesor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández, recibiu o recoñecemento da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España ao concederlle o premio González Sinde polo esforzo de dar a coñecer o sector audiovisual entre máis de 6000 alumnos de centros escolares galegos. “Estou particularmente orgulloso de que dende Madrid nos recoñezan o noso esforzo por introducir o cinema galego nas aulas”, explica Fernández. Trátase dun programa pioneiro en España que será exportado pola Academia das Artes a outras comunidades autónomas.

O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación é o principal impulsor de Audiovisual nas Aulas, proxecto promovido polo Consorcio Audiovisual de Galicia e apoiado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. “Eu procedo do mundo da ensinanza e inspirándome no modelo educativo francés e en experiencias illadas que se realizaban en institutos da comunidade, xurdiu a oportunidade de darlle forma a un programa que achega aos cativos ao eido do audiovisual”, comenta.

O programa Audiovisual nas Aulas naceu con dous obxectivos, por un lado, o formativo, “promovendo o pensamento crítico dos escolares galegos dende a alfabetización audiovisual e multimedia” e por outro, o promocional, “habilitando novas pantallas de difusión que axudan a coñecer o cinema autóctono”. É unha vía de conexión “coa sociedade a través das escolas” e contempla todos os niveis de ensino, dende infantil ata bacharelato, “e tamén o universitario co programa AUGAL”. Fernández salienta os bos resultados do proxecto “do que saen pezas marabillosas feitas polos pequenos e froito diso moitos acaban interesándose pola titulación en Comunicación Audiovisual”.

Materia transversal

Miguel Anxo Fernández destaca o carácter experimental da iniciativa, “pois a cultura do audiovisual aínda non está contemplada no currículos dos centros escolares”, pero dalgunha maneira “estase a introducir transversalmente o audiovisual nas aulas”. Dende o 2003 xa levan participado un total de 301 colexios nas cinco fases nas que se estrutura o programa: iniciación ás novas tecnoloxías, á televisión, á animación, ao audiovisual e ao dobraxe. Esta vía formativa abre a posibilidade dun novo nicho laboral para a titulación en Comunicación Audiovisual, "podendo entrar como profesores no sector da educación". Na actualidade, o proxecto atópase en fase de reestruturación para estrear para o 2011-2012 unha aposta máis concreta e específica que atenda ás demandas individuais dos centros.

Crise fronte a talento

Ante o panorama actual, o profesor recoñece que o sector audiovisual “está especialmente afectado pola crise”, pero non se debe perder a esperanza “polo afloramento continuo de talento, o que nos permite ser ambiciosos”. Polo de agora, o vindeiro 29 de xuño ás 18.00 horas, representantes do Consorcio Audiovisual de Galicia acudirán á sede da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas en Madrid para recoller o premio González Sinde.