DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A decana da Facultade de Bioloxía ocupará a medalla nº 21

A Academia de Farmacia de Galicia nomea Académica Numeraria a Cristina Arias

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/11/2010
A decana da Facultade de Bioloxía, Mª Cristina Arias, foi nomeada Académica de Número da Academia de Farmacia de Galicia como recoñecemento aos méritos en pro da Farmacia, correspondéndolle a medalla nº 21. Satisfeita e orgullosa por esta nova, Arias destacou que inicia agora un novo camiño, “unha andaina na que estarei acompañada por bos profesionais, que sei moi ben que non camiñarán diante de min, porque pode que non sexa capaz de seguilos, nin tampouco detrás de min, porque pode que non os guíe, senón simplemente ao meu lado”, subliñou.

A toma de posesión de Académica de Número realizarase nunha sesión pública que terá lugar na sede da Academia, “probablemente en marzo de 2011” e, será entón, cando lea o seu discurso de ingreso que, despois de barallar varios temas do seu ámbito, a parasitoloxía, “decidinme a preparar un relatorio sobre Antiparasitarios: os fármacos do outro mundo, tema no que xa estou a traballar”.

Como Académica Numeraria, Arias porá o seu gran de area no fomento da investigación e estudo das ciencias farmaceúticas e afíns, formando parte dunha institución que ten entre as súas principais funcións, o asesoramento tanto a organismos públicos como institucións privadas, naqueles campos que lle son propios.

Traxectoria profesional

Cristina Arias, titulada en Bioloxía e Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, é catedrática en Parasitoloxía e na actualidade exerce como decana da Facultade de Bioloxía, se ben previamente ostentou diversos cargos académicos: directora e secretaria do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e directora delegada nas escolas de Enfermaría asociadas á Universidade de Vigo, entre outros.

Tras iniciar a súa carreira investigadora nas aulas da USC chegou a Vigo no 1987 para impartir docencia na licenciatura en Química e, ao ser a primeira persoas da Área de Parasitoloxía no campus, implicouse na tarefa de formar un novo laboratorio e un novo equipo investigador, ao que, pouco despois, lle foi concedido o primeiro proxecto de investigación da Xunta de Galicia que sentou as bases do actual Laboratorio de Parasitoloxía.
Membro de numerosos comités científicos e organizadores de congresos, Arias conta con múltiples artigos en publicacións con alto índice de impacto relacionados con parasitos humanos, mariños e aspectos zoonóticos e análise alimentario.