DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No decurso do XII Congreso Internacional de Protocolo celebrado en Paraguai

A Academia de Protocolo da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo nomea presidente a Fernando Ramos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 04/10/2011
A dirección de estudos e publicacións sobre protocolo e comunicación institucional; a orientación científica dos futuros congresos e a coordinación das investigacións sobre a materia, son algunhas das funcións que o profesor da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Fernando Ramos, desempeñará á fronte da Academia de Protocolo da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo (OICP). Ramos que foi o redactor do código deontolóxico da organización, asinado en Roma en novembro de 2007, desempeñaba ata o de agora o cargo de presidente da Comisión Ética.

A Academia Internacional de Protocolo que o profesor da Universidade de Vigo presidirá é unha organización de carácter científico e profesional que agrupa ás asociacións profesionais de protocolo de Europa e América, así como institucións científicas e investigadores relacionados coa comunicación corporativa e institucional. “As miñas responsabilidades supoñen a supervisión científica e as iniciativas no eido das actividades da OICP, entre elas a determinación dos contidos dos congresos, a posta en marcha dun banco de datos, a dirección das publicacións, o asesoramento ás asociacións integradas e a elaboración dun fondo bibliográfico e documental”, explica Fernando Ramos.

O nomeamento de Fernando Ramos tivo lugar no marco da celebración da asemblea anual da OICP na capital de Paraguai, Asunción. Na asemblea celebrada entre os días 25 a 29 de setembro con ocasión do XII Congreso Internacional de Protocolo tamén se procedeu ao nomeamento da nova presidenta da OICP, cargo que ocupará María Teresa Otero Alvarado, profesora da Universidad de Sevilla.
Ademais do seu nomeamento, Fernando Ramos tivo unha participación activa na asemblea coa presentación de dúas ponencias, unha sobre protocolo e medios de comunicación e outra sobre a transculturalidade entre España e América nos costumes e usos sociais.

Relevantes personalidades mundiais en materia de protocolo institucional

Máis de 400 diplomáticos, profesionais e investigadores procedentes de 32 países, principalmente de Europa e América, participaron no congreso celebrado na capital paraguaia. Ana Colomer O´Brien, directora de protocolo da Organización de Estados Americanos; Elga Sharpe, directora de protocolo da cidade de Los Ángeles e Mauro Furlan, conselleiro de cerimonial da presidencia da República Federativa de Brasil, foron algunhas das personalidades máis relevantes do mundo en materia de comunicación institucional que participaron na asemblea. Xunto a eles destaca a presenza do director de protocolo da cidade de Buenos Aires, Jorge Luis Vidaurreita e do embaixador do Ministerio de Asuntos Exteriores, Alberto Sadous.