DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trinidad Campos, estudante de Publicidade e RRPP, está en Madrid realizando prácticas en Concepto05

A Academia de la Publicidad premia o traballo dunha estudante pontevedresa sobre a Marca España

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/04/2013

A tan discutida Marca España serviulle a Trinidad Campos para facerse un oco na Academia de la Publicidad nacional. Esta estudante de Publicidade e RRPP no campus pontevedrés vén de recibir o Premio Academia Joven 2012, xunto co seu compañeiro da Universidade Complutense, Sergio García. Co eslogan Spain, inspiration starts here, estes dous mozos publicistas propoñen unha nova imaxe corporativa , un spot televisivo , bocetos de gráficas e novas fórmulas publicitarias como branded content e a colaboración con bloggers así como unha estratexia dixital. “Comezamos por analizar a situación da Marca España e do país en xeral e, a partir de aí, decidimos que o obxectivo principal da campaña fose aumentar o número de inversións estranxeiras”, explica Trinidad Campos.

Para ela, o feito de estar entre os finalistas “foi un gran premio, porque sempre tiven a espiña de participar nun concurso de publicidade”. Pero estar un paso máis aló, ser gañadora deste premio “é todo un reto cumprido”. Desta vivencia quédase “coa experiencia adquirida ao abordar un produto tan complexo como a Marca España e a satisfacción de facelo ben aportando o meu gran de area como nova publicista”.

Satisfacción, seis meses de prácticas e 1500 euros

Ademais da satisfacción persoal e profesional, este galardón supón para os dous gañadores a posibilidade de realizar prácticas profesionais durante seis meses na axencia Tactics Europe, patrocinadora do concurso, así como un premio de 1500 euros e o nomeamento como membro do Grupo Joven de La Academia de la Publicidad, “que está en construción”.

Actualmente Trinidad Campos está a piques de obter o título de Publicidade e RRPP, a falta de poucos créditos, e atópase en Madrid dende xaneiro realizando prácticas pre-profesionais na axencia Concepto05. De cara ao seu futuro laboral, destaca que “para un estudante que desexe traballar na profesión é moi importante a creación dun portfolio sólido que demostre a forma na que traballas, pensas e plantexas solucións de comunicación; é a nosa cara profesional e case a única ferramenta que temos para amosar o noso talento”. En concreto, tanto ter participado como resultado gañadora “é un gran paso para abrirme portas dentro da publicidade e concretamente para poder ser planner, que é o meu obxectivo final”.

O Premio Joven é un concurso que convoca anualmente a Academia de la Publicidad co obxectivo de poñer en valor o papel dos estudantes universitarios do eido da comunicación. Nesta convocatoria, á que se presentaron 33 traballos de 85 alumnos de todo o país, o tema central elixido pola organización foi a Marca España e o seu reto era actualizala, modernizala, adaptala aos tempos e dotala de conceptos actuais e espírito novo e emprendedor. O reto era vender todo o que representa a España sen deixar a ninguén indiferente, unha idea que guste no país pero tamén no estranxeiro, potenciando o turismo, a gastronomía, a cultura, a lingua, as empresas, as relacións exteriores, a economía, etc. Trinidad Campos e Sergio García aceptaron este reto e xurado considerou a súa como a mellor proposta, a que mellor recollía os obxectivos da campaña, a máis innovadora e a que mellor comunica a Marca España. Ambos estudantes recolleron os seus premios a pasada semana na Biblioteca de ABC, no transcurso dun acto no que se recoñeceron tamén os mellores traballos e os mellores publicistas de 2012, que foron nomeados membros de honra da Academia de la Publicidad.