DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Académicos, políticos e sindicalistas falarán da Galicia do futuro nun foro de debate

Será no I Foro Galego de Economía de Empresa, organizado pola Facultade de CC Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 27/11/2009
Reflexionar con académicos, axentes socioeconómicos, empresarios, goberno e partidos políticos sobre os desafíos a ter en conta para sentar as bases dun novo ciclo de desenvolvemento socioeconómico para Galicia. É o obxectivo fundamental do I Foro Galego de Economía e Empresa, unha iniciativa organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que se vai desenvolver ao longo do curso académico baixo o lema ¿Como afortalar o sistema produtivo galego? A primeira sesión do foro está prevista para o día 1 de decembro e contará coa intervención de Albino Prada, profesor de Economía da Universidade de Vigo. A iniciativa inclúe outras nove ponencias máis que se espallarán en diferentes datas ata o mes de maio do 2010. O coordinador é Santiago Lago, profesor de Economía Aplicada.
Di Santiago Lago que a maioría dos factores que fundamentan o crecemento económico dun país “son procesos que temos que ir acumulando no tempo”. De aí que estas xornadas non pretendan analizar o pasado, “senón mirar cara o futuro estudando, tanto as medidas a tomar a curto prazo para saír da actual crise económica na que vivimos, como para sentar as bases do desenvolvemento socioeconómico de Galicia para os vindeiros dez ou quince anos”, explica. O coordinador do foro subliña tamén o feito de que este se celebre en Ourense, “xa que queremos falar dende Ourense sobre Galicia”, e tamén nun espazo como é a Universidade, “un entorno académico, aberto e plural onde caben todas as opcións ideolóxicas”.

Estrutura e estratexia económica de Galicia fronte á crise

O profesor Albino Prada vai ser o encargado de pronunciar o primeiro dos relatorios do foro. Falará sobre un tema de máxima actualidade: Galicia fronte á crise: estrutura e estratexia económica. Será o vindeiro mártes día 1 ás doce da mañá.
A seguinte sesión será o día 10 de decembro e correrá a cargo de Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia. O resto das conferencias xa se desenvolveran no ano 2010. Para o mes de xaneiro está prevista a presenza no foro de Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e de Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.

Empresarios e estudantes volverán debater en torno aos Cafés de Campus

Santiago Lago puntualiza, así mesmo, que a iniciativa vai dirixida tanto aos membros da comunidade universitaria como ao público en xeral que poida estar interesado nestas temáticas, “o que sen dúbida vai contribuir a achegar a Universidade á sociedade”. E explica tamén que este I Foro Galego de Economía e Empresa vaise desenvolver dun xeito paralelo a outra iniciativa, os Cafés de Campus, que acada este ano a súa segunda edición. Segundo o profesor, “o que queremos é reunir a un empresario importante cos alumnos dos últimos anos da carreira e que xa están cun pe no mercado de traballo. Neste tipo de encontros o coloquio e posterior debate que se establece entre os asistentes é moi importante, porque lles permite ao estudantado plantexar as súas ideas e reflexións sobre a temática que se trate”, declara.