DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario na Facultade de Comunicación, centrado nas súas narrativas e mecánicas

Académicos e profesionais debaten sobre os elementos clave na construción dun videoxogo

Os seus resultados finais recolleranse nun libro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 05/10/2023

Cunha facturación que superou o pasado ano os 2000 millóns de euros en España, a industria do videoxogo abrangue o traballo conxunto de profesionais de varios ámbitos nas diferentes fases do desenvolvemento deste tipo de produtos. Unha delas é a construción da súa narrativa e das mecánicas que rexerán a experiencia do xogador, eixes centrais do semanario que este xoves e venres se desenvolve na Facultade de Comunicación, coa participación dunha trintena de expertos e profesionais da industria. Organizado polo grupo de investigación V-NPC (Videoxogos, Narrativa, Persuasión e Comunicación) e a asociación de investigadores Digra Spain, coa colaboración da facultade, o Consello Social da Universidade de Vigo e a editorial Icono14, o seminario Deseño da narrativa nos videoxogos a través das mecánicas e a estética desenvólvese nun formato híbrido, combinando as intervencións presenciais e virtuais, e co obxectivo “de buscar unha conexión entre academia e industria”, como sinala a responsable do comité organizador, a profesora Beatriz Legerén.

“A idea deste seminario é falar daquelas cuestións que normalmente non se tratan á hora de falar de narrativa e videoxogo”, salientou Legerén, que incide en que, polo xeral, na análise desta fase do desenvolvemento dun xogo ponse o foco “na historia”, máis non tanto noutra serie de “aspectos fundamentais”. Ese sería o caso da “parte estética, na que incluímos tanto a parte gráfica como a sonora”, pero tamén das mecánicas, “xa que un xogo ten que ter uns obxectivos, unha economía e unhas condicións de vitoria”, explicou a tamén coordinadora do grupo V-NPC na inauguración. Neste acto, Legerén estivo acompañado pola decana, Emma Torres, quen puxo de relevo a importancia que teñen para a facultade actividades como este seminario, que permiten “non perder contacto coa realidade profesional”, á vez que contribúen á “máxima fundamental” do centro, que é “formar creadores de contidos”. 

Dúas xornadas de traballo conxunto que se plasmarán nun libro

Ademais de promover unha reflexión conxunta entre especialistas e profesionais da industria, o obxectivo deste seminario é tamén, como explicou Legerén, “traballar conxuntamente” neses dous bloques de contidos, a través de dunha serie de grupos de traballo. Estes xerarán unha serie de conclusións, que se recollerán, xunto co abordado nas conferencias, mesas de debate e nas dez comunicacións que se presentan nestas xornadas, nun libro que fará balance do que, engade, “penso que é o único seminario a nivel nacional centrado exclusivamente nestes aspectos”.

Con esa idea, o seminario arrancou este xoves cunha xornada dedicada á estética dos videoxogos, que abriu unha conferencia da “figura de referencia nos estudos de videoxogos en España”, o investigador da Universitat Pompeu Fabra, Antón Planells, quen afondou nas “narrativas hexemónicas e marxinais” neste tipo de producións e reflexionou respecto da existencia de “argumentos universais”. Tamén este xoves, este foro acolleu unha mesa de debate sobre a creación de personaxes, escenarios e interfaces gráficas e outra sobre o uso de sons, música e locución. Mañá venres, o seminario porá o foco nas mecánicas, cunha mesa de debate na que participarán, entre outros, o game designer de Tequila Works Michael Santorum e outra sobre como os elementos narrativos son percibidos polas persoas xogadoras, para pecharse coa posta en común dos resultados obtidos polos grupos de traballo.