DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada pola Facultade de CCXX do Traballo e Consello Galego de Relacións Laborais

Académicos, xuristas e axentes sociais analizan o impacto da Lei integral para a igualdade de trato e a non discriminación

Abordando o seu impacto, por exemplo, nos despedimentos por enfermidade ou na negociación colectiva

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/09/2023

A Lei integral 15/2022 para a igualdade de trato e a non discriminación, que entrou en vigor hai pouco máis dun ano, ten como obxectivo garantir e promover o dereito á igualdade de trato e non discriminación e respectar a igual dignidade das persoas en desenvolvemento dos artigos 9.2, 10 e 14 da Constitución Española. Polo tanto, esta lei busca tanto previr como eliminar calquera forma de discriminación en calquera eido, dende o cultural ou educativo ao sanitario, relixioso, sexual ou laboral. Precisamente para analizar o impacto deste texto lexislativo no eido do traballo e das relacións laborais, o campus de Vigo acolleu este venres unha xornada que contou coa participación de académicos, xuristas e axentes sociais. 

Organizado pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e o Consello Galego de Relacións Laborais, o simposio celebrouse nun salón de grao ateigado de estudantes, que puideron coñecer os diversos aspectos de aplicación da Lei 15/2022 dende diferentes enfoques. Os encargados de abrir a xornada foron Cristina Fabeiro, secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, e Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo e coorganizador da xornada xunto coa profesora Rosa Mª Rodríguez. Segundo explicaron os organizadores, a Lei 15/2022 “supuxo un avance significativo no dereito antidiscriminatorio no conxunto do noso ordenamento xurídico, que busca traballar na consecución dunha igualdade real e carente de nesgos discriminatorios”. A norma, de carácter transversal, “identifica novas causas de discriminación e achega unha perspectiva integral e renovada dunha materia tan necesitada de actualización e debate”. Ademais, Cabeza fixo fincapé na importancia deste tipo de xornadas formativas, organizadas dende hai anos pola facultade e o CGRL, sobre temáticas diversas que permiten ao alumnado e a todas as persoas asistentes afondar en diferentes aspectos e lexislacións laborais.

As intervencións da xornada abordaron os aspectos máis importantes da lei e así, Carmen Viqueira, catedrática da Universidade de Alacante, foi a encargada de abrir a sesión analizando o contexto desta lei no marco das relacións laborais. O propio Cabeza abordou o que segundo el é o “tema que máis discusión está producindo desta lei”, que é a discriminación por enfermidade e “como se debe cualificar o despedimento non procedente da persoa que está enferma”. Tras un descanso, a catedrática da Universidade de Oviedo Carolina Martínez centrou a súa intervención na igualdade e a non discriminación na negociación colectiva, mentres que o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia José Fernando Lousada centrouse na tutela administrativa e xudicial na Lei 15/2022. A xornada pechouse cunha mesa de debate cos axentes sociais, na que estiveron representados os sindicatos CIG, CCOO e UGT e a Confederación de Empresarios de Galicia.