DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preocupación e cautela no campus ante o suposto borrador de Lei de Servizos Profesionais

Por se acaso... lembrar que os enxeñeiros informáticos son enxeñeiros

A dirección da ESEI advirte das consecuencias que terían medidas deste tipo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 19/04/2013

A difusión dun suposto borrador do proxecto de Lei de Servizos Profesionais fixo saltar estes días a alarma. Entre outras cuestións, nel deixaríase explicitamente fóra da lista de títulos que darían acceso á profesión de enxeñeiro aos enxeñeiros informáticos, que manterían igualmente a súa denominación como tal. Desde a absoluta prudencia por tratarse dun suposto borrador pero co compromiso de defender os dereitos dos seus estudantes e titulados, a dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática ESEI do campus de Ourense vén de amosar a súa preocupación ante a posibilidade dunha regulación neste senso.

“A disposición adicional segunda de dito borrador, que establece as “atribucións profesionais na enxeñaría” e que se coñeceu a través de diversos medios de comunicación estes días, deixaría ás enxeñarías en informática explicitamente fóra do conxunto de títulos que darían acceso a unha profesión de enxeñeiro”, explica Ana Garriga, directora da ESEI. Segundo destaca a dirección da escola ourensá, “de confirmarse esta redacción, suporía que as profesións de Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría en Informática poderían quedar fóra do recoñecemento profesional que merecen tras máis de 25 años de desenvolvemento en España”.

Pola relevancia destas implicacións, a dirección da centro quixo sumarse á preocupación e ao rexeitamento deste borrador que teñen manifestado organismos como a Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática (CODDII), o Consello de Enxeñeiros en Informática (CCII), o Consello de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática e a Reunión de Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática (RITSI). Precisamente no seu comunicado conxunto sobre este tema, a RITSI e CODDII, advertindo que esta exclusión minguaría as responsabilidades profesionais dos enxeñeiros informáticos, sinalaban que Enxeñaría Informática xa ten recoñecida academicamente a súa equiparación co resto de enxeñarías tras publicarse no BOE de 4 de agosto de 2009 as recomendacións para a elaboración de plans de estudos en este ámbito.

Dano profesional

“Coincidimos ademais con estas entidades en sinalar que a exclusión de Enxeñaría Informática das titulacións que dan acceso ás profesións de enxeñaría prexudicarían gravemente o prestixio social e profesional dos seus estudantes, actuais e futuros, e dos seus titulados”, apunta Ana Garriga. Esta modificación tamén danaría aos propios estudos, pois a situación podería levar aos potenciais alumnos desta titulación a valorar a realización doutros estudos en enxeñaría que si gozasen dese recoñecemento oficial.

Esta preocupación e esta visión sobre as consecuencias da súa aplicación é compartida entre o propio alumnado do centro. “Que sentido tería estudar catro anos para ser enxeñeiro informático e que logo non che deixen exercer como tal. É o noso dereito, o contrario sería un atraco”, comenta o alumno Diego Rodríguez. Do mesmo xeito opinan os membros da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática ASEII do campus de Ourense Edgar Ruíz, Lucía Chousal e Andrea Sánchez. “Esta exclusión sería quitarlle un brazo moi importante aos nosos estudos e ao noso futuro profesional. Estamos estudando para ser enxeñeiros informáticos. O nome do título xa o di ben claro”, engade Edgar Ruíz.