DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo unha investigación das universidades de Vigo, Oxford, Lisboa e Complutense de Madrid

A acción do home incrementou nun 25% o número de secas extremas

O traballo indica que o ano 2011/2012 foi o segundo con menos precipitacións desde 1950

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 25/09/2013

O inverno de 2011/2012 é lembrado polos españois como un dos máis secos dos últimos anos. Un estudo realizado por investigadores das universidades de Vigo, Oxford, Lisboa e Complutense de Madrid vén de demostrar que esa apreciación, lonxe e ser subxectiva, é unha realidade que pon ademais en evidencia as consecuencias que está tendo no clima a acción do ser humano. Segundo o estudo realizado, cuxos resultados veñen de publicarse no Informe Anual sobre Eventos Meteorolóxicos Extremos da American Meteorological Society, ese ano hidrolóxico, que abrangue desde setembro de 2011 ata agosto de 2012, foi de seca extrema na Península Ibérica. Concretamente, foi, despois do inverno de 2004/2005, o ano con menos precipitacións rexistradas. Ademais, apuntan os expertos, a investigación amosa como as emisións do home incrementaron nun 25% o número de secas a padecer cada século.

O artigo, titulado The record winter drought of 2011-2012 in the Iberian Peninsula, foi publicado este mes de setembro e está asinado polos investigadores Ricardo Machado, Juan Antonio Añel, Ricardo García-Herrera, Luis Gimeno, Raquel Nieto, Rodrigo Castillo, Myles R. Allen e Neil Massey. “Cada ano o boletín da American Meteorological Society recolle artigos nos que se dá unha perspectiva climática sobre diferentes eventos extremos acontecidos en calquera lugar do planeta. Un dos escollidos para este último número é no que traballamos nós e onde analizamos como de extraordinaria foi a seca que se produciu no inverno 2011/2012 na Península Ibérica, unha seca moi intensa, extensa e prolongada, e cales puideron ser as súas causas”, explica Luis Gimeno, investigador do grupo EPlyslab da Facultade de Ciencias do campus de Ourense.

De cada 41 anos a cada 33 anos

Segundo destaca Juan Antonio Añel, investigador das universidades de Oxford e Vigo, o traballo dividiuse en tres parte. En primeiro lugar, os investigadores das universidades de Lisboa e da Complutense de Madrid analizaron a serie completa de precipitacións do período a estudo e demostraron como efectivamente o ano hidrolóxico que vai de setembro de 2011 a agosto de 2012 foi o segundo máis seco rexistrado en España e Portugal. Ao final do período analizado, a media de precipitacións acumuladas sobre a Península Ibérica, de 470 mm, era un 67% do valor medio, que ascendía a 700 mm.

Nunha segunda fase, o grupo EPlyslab, formado por Gimeno, Nieto, Castillo e Añel, estudou as fontes de humidade desas choivas, como se realizou o transporte do vapor de auga na atmosfera e que diferenzas presentaba respecto a outros anos neste aspecto. “O que observamos foi unha redución significativa da humidade das fontes principais do Atlántico que normalmente abastecen á Península Ibérica. Vimos que a humidade era moito menor e que as fontes desa humidade estaban situadas máis cara o norte das tradicionais fontes, situadas no Atlántico e nas zonas subtropicais e do Caribe", comenta Gimeno.

Por último, na Universidade de Oxford simulouse, a través dun sistema propio, o modelo climático dos últimos 60 anos, simulando cada ano 400 veces para conseguir unha maior confianza estatística. Esta simulación fíxose cos datos completos pero tamén se realizou sen introducir os correspondentes ás emisións que provocan o quecemento global e que son debidas á acción humana. “Deste xeito quixemos saber se estes eventos extremos eran froito da variabilidade climática normal ou se tiñan que ver coa acción do home e da comparación dos resultados extraeuse que a única diferenza eran as emisións provocadas pola actividade humana”, salienta Juan Antonio Añel. Da investigación concluíuse que unha seca das características da que se produciu en 2011 e 2004 é agora máis probable de padecer que décadas atrás. Coas condicións dos anos sesenta, comenta o investigador, a probabilidade nun século de ter unha seca extrema era cada 41 anos. Na década do 2000/2010 a cifra descende a cada 33 anos. É dicir, prodúcese un incremento dun 25% no número de secas a padecer nun período de cen anos.