DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acción e traxedia mesturadas en "A Esmorga" da man de Sarabela

Na programación da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 11/11/2009

A festa desenfreada e o abuso do alcohol supoñen un fin tráxico para os protagonistas de A Esmorga, Cibrán, o Bocas e Milhomes, interpretados por Fernando Dacosta, Suso Díaz e Josito Porto respectivamente, integrantes da Compañía de Teatro Sarabela, que esta tarde presentou o seu espectáculo no teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria dentro da programación cultural do primeiro cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.
A posta en escena desta peza enmarcada en Auria mestura a acción e traxedia a través de monólogos, flashbacks e rexistros emocionais intensos dos personaxes polo contraste entre a realidade e o fantástico que se dá ao longo da obra, centrada nas peripecias de tres individuos moi conflitivos (Cibrán, Bocas e Milhomes) que escapando da xustiza, cometen unha serie de delitos. Os adaptadores de Sarabela enfrontáronse a un duro traballo para transformar a novela máis popular e lida de Blanco Amor nun texto válido para a súa escenificación, tratándose neste ano dunha ocasión especial coincidindo co 50 aniversario da súa publicación. O éxito desta representación, dirixida por Anxeles Cuña, vese reflexado na atracción que exerce no público, posto que foi a primeira peza da compañía en superar os 15.000 espectadores, amais de obter o premio de teatro María Casares.

Docencia Teatral

A iniciativa da Compañía de Teatro Sarabela para achegar as artes escénicas ao público deu lugar ao nacemento en 1991 da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, fundada por Ánxeles Cuña. Nun primeiro momento a Universidade de Vigo estableceu convenios con compañías profesionais con experiencia no ámbito pedagóxico-teatral: en Ourense, Sarabela; en Vigo, Vagalume, e en Pontevedra, Kalandraka. Pola súa banda, o grupo Sarabela está composto por profesionais do teatro entre os que se atopan pedagogos, filólogos, titulados en importantes escolas de arte dramática. O equipo docente está conformado por oito compoñentes de Sarabela, entre os que se atopan Ánxeles Cuña, Begoña Muñoz, Elena Seijo, Sabela Gago, Suso Díaz, Fina Calleja, Flor Figueroa e Fernando Dacosta, aos que se suman cada ano conferenciantes e docentes de fóra da compañía. A formación actoral nas máis variadas disciplinas é o paso previo á realización de montaxes e á exhibicións das obras, onde o alumnado pon de manifesto os coñecementos adquiridos na Aula. Ademais, o grupo Sarabela tamén organiza outras actividades como a Mostra Internacional de Teatro Universitario, que se celebra anualmente, e os ciclos de conferencias, encontros e cursos extra, onde participan persoas destacadas no eido teatral e cultural galego e estatal. Por outra banda, os cativos tamén poden subirse a un escenario coa Escola de Teatro Infantil, na que os máis pequenos son os protagonistas das representacións. Con esta actividade, posta en marcha no 2004, a compañía gañou o premio Celestina á mellor aportación ao teatro infantil do Estado.

A próxima semana chega o festival Sonora 09 v.2

O vindeiro 18 de novembro haberá un espazo para a música dentro da programación da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. O festival Sonora 09 volve por segunda vez ao campus despois da edición celebrada en primavera. As actividades comezan ás 16.30 horas coa proxección do documental Control baseado na biografía de Ian Curtis, vocalista de Joy Division, cando aínda era un adolescente. O intérprete Stanley Brinks achegará a súa música folk-soul ás 18.30 e por último, o grupo de indie-rock-pop I Am Kloot , formado por Johnny Bramwell, Peter Jobson e Andy Hargreaves presentarán o seu novo álbum I Am Kloot Play Moolah Rouge ás 19. 30 horas. Todas as actividades desta xornada desenvolveranse no teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.