DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este cuadrimestre incorpóranse 18 estudantes de intercambio ás aulas ourensás

Acento mexicano entre o novo alumnado estranxeiro do campus

A esta cifra hai que sumar as dez persoas que continuarán do primeiro cuadrimestre

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 25/01/2013

Durante o primeiro cuadrimestre, o alumnado de intercambio do campus de Ourense caracterizouse pola forte presenza de estudantes procedentes de Brasil. Sen embargo, este segundo cuadrimestre o perfil muda totalmente e o protagonismo pasa a ser de México. Dos 18 universitarios que se incorporaran agora ás aulas ourensás dez proceden dese país hispanoamericano, completándose o crisol de nacionalidades con alumnado doutros seis países. Todos eles enfrontan a nova etapa persoal e académica que teñen por diante con moitas gañas e co pequeno desexo de que pare de chover para poder así coñecer Galicia.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais; Santiago Pato, técnico da Oficina de Relacións Internacionais do campus, e representantes dos diferentes servizos do campus foron os encargados este venres de dar a benvida oficial ao alumnado de intercambio do segundo cuadrimestre. “Agardamos que a vosa estadía aquí vos sirva para aprender moito no eido persoal e profesional e que sexa un bo recordo que vos acompañe sempre”, destacou María Lameiras. Para acadalo, explicou Eva Garea, alén do programa académico que deberán cumprir, a Universidade de Vigo organizará para eles unha serie de actividades complementarias e lúdicas que lle permitirán coñecer mellor a contorna e a cultura galega.

Un sistema diferente

Fernando Cortés e Alejandro Jara son dous deses estudantes mexicanos recentemente chegados a Ourense. “A primeira impresión da Universidade é moi boa. A facultade é grande, moi organizada e estamos coñecendo outra forma de dar clases”, subliña Cortés, alumno da Facultade de Dereito. Coincidindo con esta opinión, Jara, estudante de Enxeñaría Agraria, engade que das cousas que máis gratamente lle chamaron a atención do campus e da cidade é toda a cultura de xestión de residuos e reciclaxe que existe. Tamén coinciden os dous no desexo de que deixe de chover, pois desde que chegaron de México padeceron sucesivos temporais que lles impediron gozar da cidade como lles gustaría.

Tamén procedente de México e matriculada en Dereito, Paola Arballo explica que lle encanta o campus e a cidade. “As clases están moi ben, hai moi bos docentes, que teñen moita paciencia con nós co tema do idioma, e a cidade é moi bonita e a xente encantadora”, destaca. As súas impresións son corroboradas por Luana Pampuch e Luiz Felippe Gozzo, estudantes do mestrado de Ciencias do Clima que salientan os beneficios de estudar nunha cidade e nun campus pequeno.

Sete nacionalidades

Sete son as procedencias xeográficas deste alumnado foráneo. Ademais dos xa citados dez mexicanos, o campus de Ourense acolle este cuadrimestre dúas persoas procedentes de Irlanda, outras dúas de Portugal, unha de Eslovenia, unha de Italia, unha de Arxentina e outra de Brasil. Deste xeito, doce dos estudantes veñen do continente americano e seis de Europa. Por centros, a Facultade de Dereito é a que máis alumnos recibe, seis en total. Séguenlle a Facultade de Ciencias, con cinco estudantes; a de Ciencias da Educación, con tres; e a Escola Superior e de Enxeñaría Informática, con dous. Por último, as facultades de Historia e Ciencias Empresariais e Turismo pechan a lista cun estudante cada unha delas.