DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está formado por varias columnas, pezas de muíños e unha estela

O achado do “tesouro pétreo de Balvís” pecha a intervención arqueolóxica deste ano en Armea

Na domus norte o Geaat atopou unha inscrición en pedra

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 17/07/2018

O día 18 de xuño arrancou no xacemento da “Cibdá de Armea” a quinta campaña arqueolóxica que desenvolve nel o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) con financiamento do concello ourensán de Allariz. Rematada a fase de escavacións, as e os arqueólogos salientan os bos resultados acadados este ano non só por conseguir o seu obxectivo de deixar descuberta na súa práctica totalidade a zona da atalaia deste enclave senón tamén por atopar restos pétreo moi relevantes para o xacemento. 

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; María Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, achegáronse este martes a visitar o xacemento e coñecer de man de Adolfo Fernández, responsable da intervención arqueolóxica, os avances realizados nesta campaña. A vicerreitora salientou como esta iniciativa se enmarca no compromiso de colaboración do campus cos concellos da provincia e como “permite pór en valor, sacar á luz, o noso patrimonio”, amosando o seu desexo de que continúe no futuro. Pola súa banda, Susana Reboreda subliñou o orgullo que supón para o seu centro este proxecto. Anticipando a intención do concello de renovar a colaboración coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento destas intervencións arqueolóxicas, a alcaldesa de Allariz salientou o seu desexo de que se unan a esta iniciativa tanto a Xunta de Galicia como a Deputación Provincial e fixo fincapé en como este xacemento non só permite contribuír ao coñecemento da historia senón tamén ao desenvolvemento turístico da zona. 

Zona da atalaia

Segundo explicou Adolfo Fernández no percorrido polo xacemento, a campaña deste verán ofreceu “moi bos resultados”, recalcando como supuxo “un peche excelente” aos catro anos de convenio co Concello de Allariz que agora remata. Un equipo de case unha vintena de persoas participaron na intervención, cuxa dirección correspondeu este ano a Alba Rodríguez, arqueóloga do Geaat. Sobre os resultados obtidos, o director do proxecto sinalou como a zona da atalaia, de arredor de 2000 metros cadrados, queda practicamente descuberta, estando só pendente a escavación dalgún pequeno espazo ou de posibles capas inferiores ás xa descubertas. 

Nos traballos realizados nesta atalaia, Fernández subliñou como, sacando o recheo dunha das zonas que nos anos 50 Francisco Conde-Valvís escavou e logo volveu a cubrir, o equipo da campaña atopou o que eles chaman “o tesouro pétreo de Balvís”. Baixo un dos muros da finca atoparon varias bases, capiteis e fustes de columnas, varias partes de muíños e unha roseta que Conde-Valvís, ao contrario do que fixo con outros achados cando escavou o xacemento, non rexistrou nin trasladou ao Museo Arqueolóxico de Ourense senón que depositou e cubriu alí. Dado que Conde-Valvís non informa deles nos seus documentos, os responsables da intervención sinalan que se descoñece a súa procedencia, aínda que se supón que pertencen á domus próxima ao muro, e o motivo de porque os deixo alí tapados. “Foi moi emocionante cando empezaron a aparecer as pezas unha tras outra”, lembrou Alba Rodríguez tras explicar a relevancia deste achado porque “constata o importante que era a Cibdá de Armea, a riqueza do xacemento, xa que estas columnas eran signo de prestixio”. Estes restos foron trasladados a dependencias municipais para a súa salvagarda.

Igualmente relevante, explican os responsables da campaña arqueolóxica en Armea, foi sacar á luz a domus norte, onde se atopou in situ unha columna completa que sustentaba o teito dunha das salas e que agardan poder recolocar cos permisos pertinentes; un posible sistema de calefacción ou canalización de tellas e unha inscrición en dúas pedras, a segunda deste xacemento, na que é visible as letras MAX e que os arqueológos indican que probablemente poida ser parte do nome do propietario da vivenda. Durante a  intervención deste verán tamén se realizou unha sondaxe na finca cedida polo señor Manuel, a persoa que descubriu as estruturas de Monte Señoriño, tamén en Armea, que lle permitiu aos arqueólogos e arqueólogas do Geaat descartar que as estruturas que se albiscaban nela eran un muro e confirmar que son parte doutra estrutura habitacional que daría continuidade á Cibdá de Armea. No conxunto da campaña, apuntou Adolfo Fernández, atopáronse ademais elementos de interese arqueolóxico como vidros de calidade, un elemento en bronce, tres moedas e pezas de pedra, como pináculos.

Unha auténtica cidade romana

Os avances acadados nesta campaña 2018, comentou Adolfo Fernández, permiten situar á "Cibdá de Armea" como “un xacemento único” de orixe romana, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. Trátase, apuntou, “dunha auténtica cidade romana” que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. A riqueza que se albisca nos seus restos, sinalou, apuntan a unha capital rica e de prestixio. Mentres continúan as tarefas de restauro no xacemento, os responsables da campaña apuntaron que, ademais de continuar escavando en novas zonas situadas ao carón das xa descubertas, o seu desexo sería facer catas na zona coñecida como o alto dos pendóns, co obxectivo de ver se antes da ocupación romana o enclave foi habitado en época castrexa.