DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesionais deste sector laboral falarán do seu día a día

Un achegamento ao mundo das consultoras en primeira persoa a través dun curso de verán

Ademais das sesións teóricas, o obradoiro conta cun período de prácticas en empresas

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 22/09/2009

Calquera persoa que, nunha situación dada, aconsella outra, tendo como base un coñecemento previamente adquirido, está practicando consultoría. No ámbito empresarial, podemos definir o labor dun consultor como o do xerente dun proceso de educación que atende a unha necesidade específica doutra empresa. Este é, precisamente, o eixo que centra o curso de verán de Consultoría para a innovación e o emprendedorismo que se prolongará ata o venres.
É a primeira vez que o campus acolle un obradoiro sobre esta temática coa que, segundo a súa directora, Ana Gueimonde "trátase de achegar o mundo das consultoras ao alumnado, xa que considero que son un sector laboral en auxe, tanto como saída profesional, como para a creación dunha empresa”. As consultoras “son contratadas por outras organizacións para que lles deseñen e implanten sistemas de xestión vitais para estas e supoñen un sector que ocupa a un volume nada desprezable de persoas”. Ademais o curso ten como obxectivo dar a coñecer as metodoloxías, técnicas e capacidades que precisa unha persoa para desenvolverse laboralmente no campo da consultoría de empresas.
O éxito do curso está garantido, xa que conseguiu espertar o interese dos alumnos que rapidamente encheron o cota de inscrición, das 35 prazas dispoñibles de xeito que “cubrimos a matrícula por completo”, dixo Gueimonde.

Un primeiro achegamento global

O curso deu comezo da man de Gerardo Estévez, director de DPI Consultores e profesor na Universidade de Vigo, que ofreceu unha introdución xeral á materia. Nesta primeira sesión abordáronse “conceptos, métodos, ferramentas, competencias, perfil e rol dun consultor”, intentando debullar a materia pouco a pouco, “aínda que é moi difícil falar destes termos de consultoría ser atender especificamente a un proxecto”, explicou Estévez. Para finalizar a primeira xornada, Estévez presentou “a realidade dun plan director dunha empresa ourensá, para identificar que é o que pinta un consultor en todo isto”.
Tras o paso de Estévez polo curso este martes a temática céntrase na consultoría institucional e en emprendedorismo por unha banda e a consultoría en coaching por outra. continuarán as sesións teóricas ata o mércores da man de consultores profesionais chegados de diferentes empresas. O mércores será o último día de sesións teóricas, o eixo desa xornada será a consultoría para a xestión da organización, a calidade, a innovación e os proxectos. “Deste xeito os alumnos coñecerán en primeira persoa os labores que se realizan nunha empresa consultora”, apuntou Gueimonde.

Dúas xornadas prácticas

Ademais do apartado teórico, o curso contará con 16 horas prácticas. Durante dúas xornadas e organizados en pequenos grupos, os estudantes acudirán ás propias consultoras para aprender con eles e poñer en práctica os coñecementos adquiridos no curso. “Son unha especie de pequenas prácticas pre-profesionais”, explicou Gueimonde. Na realización destas sesións, que se terán que facer entre o 24 e o 30 de setembro, colaborarán todas as empresas consultoras participantes no obradoiro, agás DPI e Sinapsys, e a maiores inclúese a Consultora Auren.