DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En xullo desenvolverase a cuarta edición do curso organizado por Normalización Lingüística

Achegamento á lingua e cultura galega para o alumnado estranxeiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 30/04/2010

35 estudantes de fóra de Galicia poderán participar entre o 5 e o 26 de xullo na cuarta edición dos cursos de verán de lingua e cultura galega organizados pola Área de Normalización Lingüística. En dous niveis, elemental e intermedio, o alumnado entrará en contacto en Vigo e Allariz coa realidade natural e cultural galega a través de clases conferencias, encontros con persoeiros, actuacións musicais, así como excursións e visitas culturais. Os participantes poderán optar ademais a unha das 25 bolsas de 450 euros que se outorgarán para os mellores expedientes. Finalizado o 23 de abril o prazo de preinscrición, ata o 27 de maio prolongarase a inscrición que se fará efectiva mediante o abono de 90 euros.

Clases, visitas, encontros con persoeiros e música

As clases que correrán a cargo das filólogas Silvia Penas e Elvira Riveiro, impartiranse en horario de mañá e tarde entre os días 5 ao 16 de xullo na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo e do 19 ao 26 na Biblioteca e no Centro Social de Allariz.
O programa de visitas comezará o 5 de xullo no museo vigués de Castrelos e completarase cunha decena de saídas máis que terán como destino a Península do Morrazo, Pontevedra, Combarro, Baiona, os Canóns do Sil, Celanova ou Santiago de Compostela. O participantes no curso visitarán ademais os museos de Allariz, o Museo Liste e do Oseira, o Castro de San Cibrao de Las e o Ecoespazo O Rexo.
Os encontros con persoeiros e actuacións musicais darán comezo coa intervención de Ana Iglesias que falará sobre Panorama sociolingüístico da Galicia actual. Relatorios sobre prehistoria a cargo de Xosé Lois Villar; de literatura da man de Anxo Angueira; de onomástica con Gonzalo Navazo ou de música galega con Iván Area, completan o programa de relatorios. A música nesta edición correrá a cargo da Orquestra Nacional do Batallón, Ultreia e Leo de Matamá.
Estudantes de ata 20 países diferentes teñen participado nas tres edicións do curso desenvolvidas ata o de agora.