DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Achegando os futuros docentes aos métodos de ensino participativos no marco da LOE

As xornadas, centradas nos niveis de infantil e primaria, desenvolveranse entre o 14 de abril e o 10

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 07/04/2010

Cada ano saen máis de trescentos titulados da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Aos vindeiros graduados, así como ao alumnado dos primeiros cursos, vai dirixido o ciclo de conferencias Os novos currículos na LOE: un enfoque globalizador do ensino. Trátase dunha actividade extraacadémica inserida nas convocatorias da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, e que ten por obxectivo achegar os futuros docentes aos novos currículos do ensino infantil e primario no marco da Lei Orgánica da Educación (LOE), así como proporcionarlles metodoloxías de traballo nas aulas para acadar un enfoque globalizador do ensino, un dos requirimentos da actual lexislación educativa. Así o explican os coordinadores da actividade, os profesores María Álvarez Lires e Uxío Pérez, membros do Departamento de Didácticas Especiais.
As xornadas desenvolveranse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte en catro sesións, os días 14 e 21 de abril e 3 e 10 de maio, en horario de 16.00 a 18.00 horas. Estarán impartidas por Azucena Arias Correa, orientadora do CEIP Vilaverde-Mourente e coordinadora da elaboración do currículo de Educación Primaria en Galicia, e Dolores Arias Correa, directora do CEIP Viñas-Poio e experta en formación permanente do profesorado.

Enfoque globalizador do ensino

“Evidentemente estas xornadas teñen un especial interese para os estudantes de maxisterio nas especialidades de educación infantil e primaria”, subliña Uxío Pérez, aínda que destaca que son abertas e de acceso libre para toda a comunidade universitaria. “O seu obxectivo é proporcionar información de utilidade tanto para o alumnado da facultade como para o profesorado da Universidade”, apunta María Álvarez Lires.
As conferencias abordarán en particular aspectos relacionados coa análise dos novos currículos de Educación Infantil e Primaria, enmarcándoos nas esixencias da LOE desde o punto de vista das metodoloxías de ensinanza e aprendizaxe. Segundo Álvarez Lires, “farase fincapé nas estratexias para o desenvolvemento das competencias básicas do alumnado de cada nivel, mantendo un enfoque globalizador do ensino”. O ciclo busca tamén proporcionar ferramentas de ensino e aprendizaxe axeitadas para a intervención docente nesa dirección. “Trátase de empregar metodoloxías non convencionais, que eviten a mera memorización e que potencien o coñecemento dos intereses particulares do alumnado, para trazar as actividades a partir de aí”, engade o profesor Pérez.

O traballo por proxectos

A finalidade última das xornadas é achegarlles aos futuros mestres e mestras unha metodoloxía específica de traballo nas aulas máis activa e participativa para o alumnado, que teña en conta os seus propios intereses e experiencias. Afondarase neste sentido na estratexia baseada no traballo por proxectos e no seu desenvolvemento tanto para o ensino infantil como primario, “unha metodoloxía coñecida dende hai tempo, pero que aínda se aplica pouco, polo que segue sendo novidosa”, segundo indica Uxío Pérez. Para isto ofrecerase o acceso en liña ao libro O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria, do que son coautoras as dúas relatoras das conferencias.