DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Carlos Garrido publica o libro ‘Léxico galego: degradaçom e regeneraçom’

Achegarse á lusofonía, a estratexia máis eficaz e económica para salvar o idioma galego

O estudo reflicte un empobrecemento da lingua polo “sometemento neolóxico ao castelán” dende o sécul

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 01/03/2012
Ril, icona, marmelada, coche ou flocos de millo son só algunhas das palabras que conseguiron coarse no galego aproveitando a súa “falta de capacidade neolóxica autónoma” e a súa dependencia do castelán para formar verbas novas. Pero este “sometemento”, que se ven mantendo dende o século XV, acabou cun “empobrecemento da lingua e introducindo incoherencias e disfuncionalidades”. É o que defende o profesor Carlos Garrido no libro Léxico galego: degradaçom e regeneraçom, o estudo máis profundo feito ata o de agora sobre o léxico galego e que abrangue todos os campos posibles, tanto no uso culto como na fala espontánea. Tres anos de traballo e 800 páxinas nas que se recolle unha diagnose sobre a situación lexical do idioma, a estratexia a seguir para acadar unha rexeneración plena e os alicerces sobre os que debe configurarse unha codificación verdadeiramente eficaz. “Coa chegada dos Séculos Escuros o galego deixa de ser unha lingua escrita e pasa a ser soamente coloquial, unha circunstancia que se prolonga ata hoxe en día e que fai que deixe de ter capacidade para crear novas palabras e dependa do único recurso que ten a man, o castelán. Estes castelanismos suplentes tornan a lingua descaracterizada, incoherente e disfuncional, polo que é necesario expurgalos”, explica Garrido.

A principal conclusión do estudo é que, para lograr esa rexeneración, o galego ten que coordinarse co portugués e co brasileiro de xeito “moito máis intenso do que se está a facer” e empregar para os novos conceptos que van xurdindo os termos que xa se empregan como supradialectais no ámbito lusófono. Garrido basea esta estratexia en que preto do 95% das palabras anteriores ao século XV coinciden nos tres idiomas e, “por coherencia co léxico antigo, o lóxico é harmonizarmos tamén no léxico moderno”. Un recurso para enriquecer o vocabulario culto e científico-técnico que tamén promoveu a Real Academia Galega “pero que neste momento non se está a levar a cabo dun modo coherente nin consecuente. Este sería o modelo máis natural, máis económico e máis eficaz dende o punto de vista sociolingüístico”.

Trataríase dunha estratexia económica tanto dende o punto de vista loxístico, xa que non hai que contratar a ninguén para que “invente” a palabra, como dende o do esforzo de aprendizaxe e de uso para os galegofalantes, que se “vería longamente compensado pola audiencia internacional que gañaría o idioma, que pasaría a ter a proxección internacional e a retribución comunicativa dunha comunidade lingüística que chega a 200 millóns de persoas”.

Un concepto, varios termos

O estudo está baseado nunha modelización que comprende tanto as actitudes non rexeneradoras de falantes e entidades como distintos procesos considerados degradativos. Un deles é a variación xeográfica sen unificación. “Hoxe en día para millares de conceptos non existe unha única palabra, senón que existen dúas ou máis dependendo da zona de Galicia. Ata agora non se soubo responder a esta dispersión designativa nin se fixo unha unificación útil”, asegura o investigador e presidente da Comisión Lingüística da Associaçom Galega da Lingua (AGAL). Para exemplo, un ril: fronte ao termo escollido pola Real Academia Galega para unificar o xeito de chamar ao órgano que produce a urina, que recibe diversos nomes dependendo da zona de Galicia (ren, ril, rile, rin, rinle...), Garrido insiste no uso da variante galega consagrada xa como supradialectal en portugués e brasileiro (rin), “a única galega que de feito se utiliza, por exemplo, en publicacións que tratan sobre cirurxía de transplante escritas en variedades da nosa lingua”.

É a mesma saída que suxire para os procesos degradativos da suplencia do castelán, xa que a “incorporación de solucións neolóxicas lusófonas non só constitúe unha estratexia útil e práctica, senón que en moitos casos tamén evita disfuncións ou o mal funcionamento das palabras”. Un exemplo claro é a palabra marmelada, usada para referirse á conserva de froita cocida con azucre: en galego “a marmelada só pode ser feita de marmelo e dicir marmelada de pexego é como dicir laranxada de limón. O que pasou é que no século XVI diversas linguas europeas tomaron este termo do galego-portugués, pero cun cambio de significado, e o galego volveu incorporala ao seu vocabulario anos máis tarde co sentido alterado”.

Unha chamada de atención

Con este libro, o profesor Carlos Garrido quixo facer unha diagnose do estado en que se atopa o sistema lexical galego, “moi empobrecido e degradado”, pedir un cambio de actitude por parte dos codificadores do idioma e facer unha chamada de atención “a todos os usuarios cultos que queiran dignificar o galego aplicando estas medidas de coordinación co portugués e o brasileiro que garanten que o galego teña unha funcionalidade verdadeiramente plena. Aínda resta moito por facer. O importante é que xa sabemos cal é o norte, agora o que compre é seguilo e non desviarnos do camiño”.