DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Urxencias cardiovasculares, patrimonio do Bierzo, termalismo e explotacións acuícolas, completan a o

As achegas e beneficios da xenética para a humanidade incorpóranse á oferta de cursos de Extensión Universitaria

O prazo de preinscrición remata o 31 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/05/2018

Un total de cinco cursos conforman a oferta a  Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais para este verán no campus de Vigo. Aportacións e beneficios da xenética para a humanidade. Que debo saber? é o título do curso que, dirixido polo catedrático Armando Caballero, se incorpora ao programa de actividades, no que repiten os obradoiros Xestión de explotacións acuícolas; Termalismo: limos mariños; Patrimonio natural e cultural do Bierzo (VIII). Estudando o pasado, construíndo o futuro e Enfrontarse ás urxencias cardiovasculares. Tanto os membros da comunidade universitaria, como público en xeral que desexe participar nos cursos, pode preinscirbirse ata o 31 de maio na plataforma Culturxest da Universidade de Vigo.

Entre os días 25 ao 28 de xuño o auditorio municipal de Catoira acollerá o estudantado do ámbito sociosanitario e biolóxico ou a calquera persoa interesada na xenética para afondar, da man de expertas e expertos, nos mecanismos básicos da herdanza da variabilidade xenética e da biodiversidade, na comprensión da importancia da xenética como base das enfermidades humanas ou na importancia da mutación xenética e a consanguinidade na diversidade, a evolución, a conservación e a saúde. Científicas e científicos da Universidade de Vigo, como David Posada, Paloma Morán, Emilio Rolán, Diana Valverde e o propio Armando Caballero e da USC, como Ángel Carracedo, Paulino Martínez, Antonio Salas e Beatriz Sobrino, impartirán o obradoiro de 37 horas de duración e no que poderán participar un máximo de 70 persoas.

Formación con tradición

A convocatoria de cursos de extensión do campus de Vigo complétase este ano con outras catro actividades formativas que repiten unha edición máis. Tal é caso do curso Patrimonio natural e cultural do Bierzo (VIII). Estudando o pasado, construíndo o futuro que se desenvolverá entre os días 6 ao 8 de xullo na localidade leonesa de Villafranca del Bierzo. Baixo a dirección da docente e investigadora Josefina Garrido, o curso permitirá ás e aos participantes coñecer o patrimonio natural do Bierzo e o seu papel na reserva da biosfera de Ancares, así como afondar no patrimonio cultural e a historia da zona, así como no estudo da súa biodiversidade. O curso de 30 horas ten un límite de inscrición de 60 persoas.

Pola súa banda, a Ecimat será escenario dos cursos Xestión de explotacións acuícolas e Termalismo: limos mariños, que tamén se impartirá na Facultade de Ciencias do Mar, en Carballiño, Laias e no Talaso Atlántico. Con 30 horas de duración, entre os días 18 e 22 de xuño, o curso dirixido por Carlos Ferro, achegará ás e aos participantes o proceso de cultivo de diferentes especies, tanto de peixes, como de molusco bivalvos, ademais ensinarlles as ameazas e oportunidades que a contorna depara para a actividade acuícola e o deseño de estratexias competitivas axeitadas para o sector. Mentres, o curso de termalismo, dirixido polo docente e investigador José Luis Legido, desenvolverase entre o 23 e o 27 de xullo e nel o alumnado poderá adquirir coñecementos xerais sobre os fundamentos do termalismo e a estrutura dos limos mariños e analizará as relacións dos limos coa talasoterapia, ademais de realizar prácticas de aplicación dos sedimentos. O límite de inscrición é de 35 persoas.

Xa no mes de setembro, entre os días 4 ao 6 e do 11 ao 13, terá lugar no Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro o curso Enfrontarse a urxencias cardiovasculares. Neste caso, tanto a comunidade universitaria, como o público en xeral, aprenderán a revisar a anatomía e fisioloxía do aparello vascular, a recoñecer e interpretar un electrocardiograma, así como detectar as peculiaridades psicolóxicas dunha situación de urxencia e aprender a manexala. No curso de 30 horas poderán participar un máximo de 35 persoas.