DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O VII Congreso Nacional do Deporte celebrarase o 5, 6 e 7 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra

Achégase a cita nacional para os profesionais e estudosos do deporte

Este ano presenta a posibilidade de realizar o curso a distancia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 23/02/2011

Pontevedra volverá a converterse un ano máis no centro do debate deportivo coa celebración do VII Congreso Nacional de Ciencias do Deporte e a Educación Física, un punto de encontro para profesionais, investigadores e alumnos onde debater e informarse das principais novidades sobre coñecemento deportivo a nivel internacional. Desde o 5 ata o 7 de maio, o Pazo da Cultura acollerá este evento de formación deportiva organizado en primeiro termo pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra en colaboración co Concello da cidade. Co período de inscrición aberto, o congreso estima reunir a máis de 400 participantes, cifra que xa teñen superado en anos anteriores, coa novidade de poder realizar o curso a distancia.

A organización destas xornadas, de interese tanto a nivel peninsular como mundial, favorecen a difusión dos coñecementos científicos e técnicos relativos ao ámbito deportivo, onde se analizan e se comparten as últimas tendencias en investigación, debatendo sobre as liñas de estudo que os grupos das principais universidades españolas e europeas están a desenvolver. Así mesmo, ademais dese cariz investigador, o congreso destaca por terseconvertido nun lugar idóneo para promover relacións de futuro e intercambios entre profesionais de distintos ámbitos, creando sinerxías e vínculos que poidan dar avance ás distintas áreas do eido deportivo.

Posibilidade de realizar o curso a distancia

Desde o seu inicio en 2005, a novidade deste ano recae na posibilidade de realizar o curso a distancia coa presentación de traballos de investigación, favorecendo a participación de persoas estranxeiras ou españolas que non poidan desprazarse fisicamente a Pontevedra. O congreso presenta seis áreas temáticas: saúde, ocio e tempo libre, didáctica da Educación Física, rendemento deportivo, xestión e ciencias sociais e psicoloxía, que inclúen unha serie de conferencias maxistrais e mesas redondas, ademais da oferta de doce cursos de especialización. A conferencia inaugural correrá a cargo do secretario xeral do Deporte, José Ramón Lete e participarán os principais investigadores das universidades galegas, así como convidados das universidades de Las Palmas de Gran Canaria, Valencia, País Vasco, Castilla La Mancha, Jaén e Murcia.

Con cotas de inscrición diferenciadas para alumnado e profesionais, o simposio concede dous créditos de libre elección polas universidades de Vigo, de A Coruña e de Santiago. Para ampliar información pódese visitar a páxina web do congreso www.congresodeporte.com, mediante o correo electrónico secreatariaacuga@yahoo.es ou no teléfono 645973846.