DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu percorrido coñecerán A Lomba, O Cotiño e o río Lérez

Aciveiro e a Serra do Candán son o destino dos participantes na Ruta Cultural

A xornada inclúe a visita a un mosteiro cisterciense

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 23/01/2009

As Rutas Culturais deste curso incluían na súa programación dúas novidades respecto ao ano pasado. Unha delas era a andaina Currosiana que tivo lugar no mes de novembro e a outra é a deste sábado 24, que levará aos participantes polas terras pontevedresas de Aciveiro e Candán, no concello de Forcarei.
Tras saír dos respectivos campus, a xornada comezará “cunha parada en Soutelo de Montes, un pobo moi coñecido desta ruta”, comentou o organizador, José García-Calvo. A continuación visitarán o mosteiro de Aciveiro, construído no século XII polos monxes benedictinos e reformado polos cistercienses tres décadas máis tarde. “Aínda que na actualidade está convertido en hotel, os seus responsables amosarannos o lugar”, explicou García-Calvo. A ruta propiamente dita comezará sobre ás 11.00 horas e percorrerá A Lomba, O Cotiño, o río Lérez e a Serra do Candán. Cunha andaina de 15 quilómetros de dificultade media-baixa e tras catro horas, aproximadamente, rematará a xornada. “De todos xeitos, cabe a posibilidade de que se queda tempo e está aberta visitemos a capela do mosteiro”.
A pesar da climatoloxía adversa que se agarda para a fin de semana, os aventureiros non se botan atrás e “son 70 as persoas inscritas entre os tres campus”, rematou García-Calvo.

Próxima ruta

Coñecer a Serra do Xurés é o obxectivo da próxima ruta cultural que terá lugar ao pasar as festas do entroido, o sábado 7 de marzo. O itinerario, que inclúe a visita ao Parque Natural Baixa Limia en Lobios, levará aos camiñantes a coñecer as vilas de A Cela, Alvite, Salgueiros, Gandaracha e Alto do Pisco. O percorrido, cunha distancia de 17 quilómetros, posúe unha dificultade media-alta. Todos os que queiran inscribirse poderán facelo no Servizo de Deportes dos campus de Pontevedra e Vigo e no SIOPE do campus de Ourense o martes anterior á saída.