DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actuou no Centro Cultural da Deputación acompañado por Jorge Roeder e Otis Brown

O acordeonista Víctor Prieto mesturou o jazz coas músicas do mundo na Intercultural

O concerto inaugura a programación de actividades do segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 10/03/2010

O acordeonista Víctor Prieto ofreceu este martes un concerto no Centro Cultural da Deputación no que interpretou composicións propias nas que mestura o jazz coas músicas do mundo con temas doutros compositores. A actuación inaugurou o ciclo de actividades organizadas pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre que se engloban baixo o título xenérico da Intercultural. Natural de Mugares, era a primeira vez que o músico actuaba en Ourense onde conseguíu encher a sala. “Isto xa é un triunfo”, comentou o artista minutos antes de comezar a actuación en referencia á boa acollida que lle estaba a brindar o público.
No concerto tocou acompañado polos músicos Jorge Roeder ao contrabaixo e Otis Brown á batería e xuntos interpretaron un programa integrado maioritariamente por composicións do propio Víctor Prieto así como por unha variada selección de temas de compositores de distintos lugares do mundo. Foi unha actuación na que o jazz se mesturou coas músicas do mundo, dende a muiñeira e o son brasileiro ata o tango. Víctor Prieto subliña dos seus temas o particular esforzo que inviste á hora de armar as composicións para darlle luz ás creacións musicais “sempre tentando crear un son único e persoal co acordeón”. Entre os temas que interpretou no concerto figura o titulado Mundos Celtas, “unha das mellores fusións de jazz e música galega que representa a unión da cultura galega coa americana” asegura.

Comezos difíciles en Nova Iorque

A primeira vez que Víctor Prieto colleu un acordeón tiña nove anos. Daquela era só un neno que vivía na localidade de Mugares e que se desprazaba cada día ata Ourense para asistir ás clases de música no Conservatorio. Achegouse ao mundo do jazz anos despois na Escola Estudio de Santiago de Compostela e no ano 1998 recibiu unha bolsa da Escola de Jazz Berklee Collage of Music para cursar estudos de jazz performance baixo a supervisión da pianista Joanne Brackeen. Non o pensou duas veces, colleu a maleta e alá marchou. Con todo, os comezos en Nova Iorque non foron fáciles. “Ao principio tiven que facer de todo para completar os cartos da bolsa, dende lavar pratos ata limpar coches”, afirma. Pouco a pouco as cousas foron mellorando para o artista ata o punto de ser considerado como un dos mellores compositores e intérpretes do panorama musical contemporáneo. Na actualidade traballa como profesor de acordeón no Brooklyn Conservatory, ocupación que compaxina con clases maxistrais que imparte en distintos países do mundo así como cunha intensa actividade como intérprete e compositor. “A experiencia está a ser moi boa –explica o músico- porque en Nova Iorque está todo o mellor do panorama artístico, dende a pintura e a música ata a danza e as creacións literarias. Alí hai miles de artistas e moi bos”, asegura.

Máis actuacións na Intercultural

Neste mes de marzo hai previstas outras dúas actuacións máis na programación da Intercultural. A primeira será o 17 de marzo e correrá a cargo do cantautor cómico mallorquín Riki López. E da música á maxia da man do ilusionista Martín Camiña que presentará o seu espectáculo Feitizo o día 24 de marzo. As dúas funcións terán lugar ás 20.00 horas na sala multiusos do Edificio de Ferro e a entrada é libre e gratuíta.