DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo convértese así nunha das catro universidades españolas que ofrece este tipo de cursos

Acordo coa tecnolóxica Qualcomm para potenciar a formación e certificación en 5G do alumnado da UVigo

Son programas formativos de balde certificados pola empresa e recoñecidos no mercado laboral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Institucional
DUVI 06/11/2023

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e a empresa Qualcomm Technologies, Inc. anunciaron este luns a posta en marcha dun acordo de colaboración que lle facilitará o acceso ao alumnado do centro a cursos de formación en 5G, así como a recibir a correspondente certificación a través do programa Qualcomm Academy, unha oportunidade  que, ata o de agora, só estaba dispoñible en tres universidades españolas: Politécnica de Madrid, Málaga e Politécnica de Valencia.

O programa está deseñado para desenvolver as habilidades e coñecementos en 5G do alumnado universitario, así como para mellorar as perspectivas laborais no ecosistema tecnolóxico. “A medida que o 5G se expande en múltiples ámbitos e industrias é necesario dispor de profesionais cualificados, así que estamos encantados de garantir que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e de toda España reciba formación sobre as últimas tecnoloxías en 5G a través de Qualcomm Academy”, afirmou Enrico Salvatori, vicepresidente sénior Qualcommm Europe/MEA, Qualcomm Europe, Inc. e presidente de Qualcomm Europe/MEA. 

Qualcomm Technologies aposta así por formar á próxima xeración de tecnólogos e tecnológas e ofrecer oportunidades para acelerar a transformación dixital de España e Europa. “Estamos encantados de ofrecer a nosa formación e certificación 5G aos alumnos e alumnas da UVigo”, declarou, pola súa banda, Vikram Malhotra, director senior de Xestión de Programas de Qualcomm Technologies, Inc. e responsable do programa Qualcomm Academy, quen tamén quixo salientar que se busca que as persoas que asistan a estes cursos “poidan adquirir as habilidades necesarias para axudar a transformar a industria da tecnoloxía sen fíos en España, e creo que a nosa formación pode marcar a diferencia”.

“Contidos actuais creados por un dos líderes tecnolóxicos”

Desde a Universidade de Vigo o profesor Felipe Gil, responsable do Laboratorio 5G e promotor deste convenio,  salientou que “a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo foi a terceira universidade do seu tipo en España e continúa ofrecendo contido de vangarda no campo das telecomunicacións e tecnoloxías da información”. Nesta liña, fixo tamén fincapé en que este acordo “facilita o acceso do alumnado a contidos actuais creados por un dos líderes tecnolóxicos que están empuxando tecnoloxías como o 5G e as súas futuras sucesoras”.

Grazas a este acordo as alumnas e alumnos da UVigo poderán inscribirse totalmente de balde en formación gratuíta en 5G impartida por profesionais de Qualcomm Technologies líderes do sector. Os cursos (Primeiro de 5G e Fundamentos de Comunicación Celular e 5G) ofrecen unha visión xeral do 5G, como funciona e como está transformando a forma en que funciona o mundo. E, tras completar a parte de formación gratuíta deste programa, as alumnas e alumnos poderán inscribirse no exame de certificación de nivel introdutorio en 5G de QWA, acreditación que lles permitirá amosar aos empregadores e empregadoras que entenden os conceptos básicos de 5G e como funciona.
 
“Para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación este acordo de formación é un paso máis na estreita colaboración que temos no centro co tecido industrial”, explicou a directora da escola Rebeca Díaz, ao que engadiu que a posibilidade de que o alumnado da UVigo reciba formación en 5G dunha entidade de referencia como Qualcomm Technologies é unha oportunidade que, en España, so hai noutras tres universidades.