DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este curso hai matriculados no SUG 1500 estudantes procedentes de ciclos superiores

Un acordo entre as universidades e a Xunta facilita a convalidación de materias desde a Formación Profesional

O reitores traballan na solución da problemática dos investigadores afectados pola reforma laboral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 08/02/2022

Os tres reitores das universidades galegas –Manuel Reigosa da de Vigo; Julio Abalde, da Coruña, e Antonio López, de Santiago de Compostela- e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinaron este martes un acordo de colaboración co que se facilita o recoñecemento de materias ao alumnado que acceda á universidade desde os ciclos superiores de Formación Profesional. Este convenio estará en vigor os vindeiros catro anos -ata o curso 2024/2025- e con el dáse continuidade e actualízase o acordo previo, asinado no 2017. Neste caso os recoñecementos atinxen a 188 graos e catro dobres graos, o que supón un incremento do 22% con respecto aos recollidos no 2017.

Segundo os datos facilitados na rolda de prensa, este curso son preto de 1.500 os estudantes que accederon ás universidades galegas alegando un título de Formación Profesional. Ademais, segundo o estudo de inserción laboral presentado esta mesma semana pola Xunta de Galicia, aproximadamente a metade do total de titulados en ciclos formativos o pasado ano ( 53,1% no caso das mulleres e 42,7% no caso dos homes) optan por continuar estudando e, desa metade, arredor do 25% (28% de mulleres e 23,3% de homes) optan por estudos universitarios, principalmente das ramas de Ciencias Sociais e Xurídicas e de Ciencias da Saúde. 

Do acordo asinado este martes veranse beneficiadas todas as partes, tanto os estudantes de ciclos formativos como as propias universidades, xa que “dispoñen duns criterios públicos e obxectivos que lle dá certezas e seguridade a ambos á hora de pasar da FP a estudos de grao”, explicou o conselleiro, quen fixo fincapé en que Galicia “vai unha vez máis por diante a nivel estatal”, en referencia á recente proposta do Ministerio de Educación de comezar a traballar na  convalidación de estudos entre FP e Universidades. “Desde o goberno galego levamos anos traballando para lograr unha maior imbricación entre graos formativos e graos universitarios, estreitando lazos de colaboración a todos os niveis”, recalcou Román Rodríguez.

Táboa de recoñecementos pública e obxectiva

A través deste acordo, o alumnado que teña superado ciclos de grao superior e decida continuar estudos nalgunha das tres universidades galegas poderá solicitar que se lle recoñezan certos créditos de determinadas materias nun total de 188 graos e catro dobres graos, o que representa un incremento de case o 22% respecto aos 151 graos e dous dobres graos recollidos no acordo anterior. Deste xeito verán recoñecidos ditos coñecementos como superados.  

Os recoñecementos son as que figuran nas táboas anexas ao acordo onde se recollen os recoñecementos directos de créditos nas titulacións universitarias oficiais de grao para os titulados en Formación Profesional de grao superior de acordo coas normas de cada unha das universidades galegas. Para facer efectivo o recoñecemento, as persoas interesadas deberán tramitar a correspondente solicitude de acordo co procedemento establecido en cada universidade. No caso das titulacións oficiais de grao que non figuran nos anexos de recoñecemento directo, poderán solicitar a cada universidade o recoñecemento de créditos nas titulacións universitarias oficiais, que serán obxecto de análise individual e non de recoñecemento directo. O recoñecemento de créditos realízase en función do currículo galego dos ciclos a superados, polo que se recoñecen os titulados e tituladas que teñan superado o ciclo superior en Galicia ou en calquera outra comunidade co mesmo currículo en dito ciclos. A nota obtida nos créditos recoñecidos será a nota media do ciclo recoñecido como equivalente a ditos créditos universitarios.

4000 investigadores e investigadoras pendentes da reforma laboral 

En resposta ás preguntas dos medios de comunicación, os tres reitores explicaron este martes que están a traballar, no marco da Conferencia de Reitores de Universidades (CRUE), para que se dea unha solución aos 4000 investigadores e investigadoras galegas que actualmente teñen contratos por obra e servizo afectados pola reforma laboral. "Estamos en negociacións, a través da CRUE, para ter algunha solución temporal mentres non se solucione a Lei de Ciencia porque pode ser un atranco estes meses", explicou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, ao tempo que fixo fincapé en que as universidades xa teñen a "palabra da CRUE" de que os fondos previstos para cando se finalicen os contratos de pre e posdoutoramento  previstos na Lei de Ciencia que dependan do Estado sexan sufragados polo propio "Estado" de forma que "non recaian nas universidades".

E é que, conforme explicou Julio Abalde, a reforma laboral afecta a parte importante das contratacións, especialmente en proxectos de investigación, polo que as universidades traballan a través da CRUE cos ministerios de Ciencia, Universidades e Traballo para buscar unha solución que permita, mediante a Lei da Ciencia, solucionar problemas como derivados do paso á contratación indefinida ou a súa afectación na taxa de reposición. "Pedimos que eses contratos non afecten á taxa de reposición", detallou. Dito iso, lanzou unha mensaxe de "tranquilidade" ao asegurar que buscarán "unha fórmula" que permita que o persoal que está contratado nestes momentos con cargo a diferentes proxectos poidan continuar nos novos modelos de contratación que se van a facer. 

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, que sinalou que a reforma suporá que se encarezan os contratos ao ter que prever unha indemnización para cando terminen, explicou que haberá que trasladar a "quen financia" que será necesario un "custo adicional para eliminar a precariedade". Ademais, Antonio López considerou que "seguramente" sería necesario dar un paso máis para buscar fórmulas de financiamento da investigación "máis estruturais", que non estean "tan condicionadas polo tempo e que financien estas necesidades".