DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A acreditación de hospitais e a formación centraron o primeiro encontro de Salustiano Mato coa conselleira de Sanidade

A acreditación do CHOU e a actividade do Instituto Biomédico serán obxecto de cadansúa reunión

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 14/09/2010
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, recibiu hoxe no seu despacho ao novo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato no primeiro encontro que ambos mantiñan despois da toma de posesión do reitor vigués. No transcurso da xuntanza acordaron que a Comisión Mixta entre o Servizo Galego de Saúde e a Universidade se reúna o próximo día 22 de setembro. Nesa data abundarán na súa colaboración para lograr a acreditación do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) como hospital universitario dependente da Universidade de Vigo.
Ademais, Pilar Farjas e Salustiano Mato consideraron tamén valorar, no seu momento, a posible acreditación como universitario do futuro hospital de Pontevedra.

Xuntanza do Consello Reitor do Instituto de Investigación Biomédica

A conselleira e o reitor, decidiron convocar unha xuntanza do Consello Reitor do Instituto de Investigación Biomédica para continuar avanzando nos proxectos de colaboración conxunta, especialmente aqueles que impliquen directamente ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e a Universidade. Entre estas se atopan as relacionadas coas liñas de investigación de neurociencias, nanotecnoloxía, do entorno do Campus do Mar, e das aplicacións biomédicas dos ámbitos da enxeñería e telecomunicacións.

Organización e formación das escolas de Enfermaría

Por último, Mato e Farjas coincidiron na necesidade de avanzar en distintos aspectos de organización e formación das escolas de Enfermaría da Universidade de Vigo –as de Meixoeiro, Ourense, a dependente da Deputación de Pontevedra, e a privada de Povisa-, tendo en conta a consideración de grao alcanzado o pasado curso no proceso de adaptación das titulacións universitarias ao Espazo Europeo de Educación Superior.