DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello Galego de Universidades coñeceu este venres a valoración do comité de expertos externo

A ACSUG informa desfavorablemente sobre o Grao de Enxeñaría Física

A Xunta insta a presentar unha nova proposta de transformación da titulación

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 11/07/2014

Este venres celebrouse un pleno extraordinario do Consello Galego de Universidades que pechou o proceso de informe das titulacións que se impartirán no Sistema Universitario de Galicia o vindeiro curso académico. Na reunión, Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, explicou aos membros do consello que a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) emitiu un informe final de verificación desfavorable respecto ao Grao en Enxeñaría Física proposto pola Universidade de Vigo para o campus de Ourense. Ao haber un informe negativo por parte do comité de expertos da ACSUG, xa non se someteu a votación do Consello Galego de Universidades a proposta de implantación deste grao para o vindeiro curso académico.

“A parte negativa do acontecido hoxe é o informe negativo dos expertos. A parte positiva é que na reunión a Xunta de Galicia instounos a elaborar unha nova proposta que supere os inconvenientes que recolle o informe desfavorable, que se ligue á especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e que atenda ao equilibrio territorial do mapa de titulacións e cuestións similares. É dicir, o tema non se arquiva nin se pecha, ábresenos outra fiestra. Ínstasenos a presentar, dentro do procedemento e do calendario establecido para as transformacións e modificacións de títulos, unha nova proposta de transformación de física que cumpra os requisitos”, apuntou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, despois da reunión.

Comeza unha nova etapa

Ante o novo contexto que se abre, o reitor da Universidade de Vigo salientou que “se abre unha nova oportunidade institucional que non se pode perder, unha oportunidade que nos pode permitir non só cumprir as expectativas que tiñamos para o Grao de Enxeñaría Física senón ser incluso máis ambiciosos”. Agora, apuntou, é o momento de que a Xunta de Titulación coñeza o informe elaborado polos expertos externos da ACSUG, que estime os camiños a seguir e que comece unha nova etapa na que, indicou o reitor, “contará con todo o noso apoio institucional”.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, explicou trala reunión do Consello que “estamos diante dunha titulación que non superou o procedemento de verificación da axencia avaliadora independente, requisito sine qua non para poder tramitar, no seu caso, a autorización de implantación” .

Luz verde ao novo Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios

No que atinxe ás titulacións votadas no último pleno do Consello Galego de Universidades e que estaban condicionadas ao informe favorable da ACSUG, o conselleiro informou de que seis delas xa obtiveron luz verde por parte desta axencia avaliadora. Así, o inicialmente denominado Grao en Ciencias da Linguaxe, da Universidade de Vigo, impartirase o vindeiro curso 2014/2015 baixo a denominación de Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, unha das modificacións esixidas pola ACSUG no informe provisional. Este novo grao vén a substituír ao Grao de Estudos de Galego e Español.

Tal e como explicou o conselleiro, tamén cambiou de denominación o Máster Universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental, denominación inducida polo informe provisional de verificación e que obtivera o informe favorable do Consello Galego de Universidades baixo a denominación de Máster Universitario en Recursos Naturais e Tecnoloxía Agroalimentaria. Por último, outras titulacións que foran votadas no anterior pleno do consello contan xa co informe final favorable da ACSUG, como son o Máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (das universidades de Santiago de Compostela e Vigo).