DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ACSUG presenta as pautas para o seguimento dos títulos oficiais

Os responsables dos graos e masters coñeceron no novo programa de acreditación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 22/03/2011

Os decanos e decanas dos campus do Vigo e Pontevedra e os responsables dos seus graos e posgraos déronse cita este martes nunha unha xuntanza para coñecer polo miúdo o novo Programa de Seguimento do Títulos Oficiais. Da man da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentouse este programa que será a ferramenta básica para o seguimento e acreditación dos títulos oficiais das tres universidades galegas, un total de 298 entre graos e posgraos.

O director da ACSUG, Eduardo López, acompañado polo vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, explicoulles o proceso completo que debe seguir cada centro neste proceso que, para os graos e doutoramentos dura 6 anos e para os mestrados 4. A idea, explicou, “é calibrar o compromiso e os logros de calidade das nosas universidades” e engadiu que para elaborar este programa o pasado ano se puxo en marcha un proxecto piloto que avaliou nove titulacións das tres universidades, catro delas da Universidade de Vigo.

A importancia da información e da transparencia

Foi Paula Barrios, técnica da ACSUG a encarga de repasar os pasos que se deben seguir neste proceso de acreditación. Segundo explicou, deben pasar por este proceso os 120 graos e 178 posgraos das tres universidades para medir a súa calidade. No caso dos mestrados, o director da axencia explicou que aqueles que este ano non tivesen un mínimo de cinco matriculados non se poderán ofertar no vindeiro curso, mentres que os que tiveron entre 5 e 10 terán unha moratoria doutro ano.

Barrios apuntou que os prazos do seguimento non están definitivamente pechados, pero si está decidido que cada centro debe facer un informe anual, ao igual que a ACSUG, mentres que intervención dunha comisión externa non ten delimitada a súa periodicidade. Estes tres informes serán as tres ferramentas para acadar a acreditación. Así, para os graos o proceso dura seis anos, transcorridos tres dos cales debe haber unha avaliación externa; para os mestrados o proceso dura catro anos, polo que a avaliación externa debe facer aos dous anos. En ambos casos, finalizado este proceso, os títulos obterían a renovación da acreditación que teñen neste momento de implantación.

Esta guía, que será presentada en Ourense o vindeiro día 31, segundo subliñou a técnica da ACSUG, persegue o propósito de transparencia e accesibilidade que debe presidir todas as titulacións e conta coa autorización do Ministerio de Educación. Segundo o que establece, o informe anual de seguimento que debe elaborar cada centro deben rexerse tres principios: a oferta de información pública sobre o título, o cumprimento coa implantación do proxecto elaborado para a titulación e a execución das accións necesarias de mellora que ano a ano se recollan no informe de seguimento anterior.

En definitiva, este programa tenta en palabras do director da ACSUG “facerlle máis sinxelo este proceso aos implicados nel, axudándoos a facer este seguimento e a facelo o menos custoso posible” e nel todos os implicados no proceso de calidade poden atopar ferramentas para o proceso de seguimento.