DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alejandra Mosteiro ensina ao alumnado de últimos cursos como saír ao mercado laboral

A actitude e aptitude axeitadas son imprescindibles para atopar o primeiro emprego

A rede de contactos e coñecidos, esenciais para ter éxito

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 15/12/2010
Buscar un emprego na actual situación de crise é unha tarefa moi ardua. Se ademais non contas cun curriculo que te avale a situación complícase aínda máis. Para facer menos duro este salto ao mercado laboral, Alejandra Mosteiro, consultora de Recursos Humanos e empresaria, recomenda dúas cousas fundamentais, “ter actitude, confianza en que se vai a lograr, e ter aptitude, as habilidades que require o traballo que buscas”.

Mosteiro foi a encarga este mércores de impartir para unha trintena de estudantes dos últimos cursos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo o Seminario de Busca de Emprego e Desenvolvemento da Carreira Laboral. O seu obxectivo: que estes rapaces e rapazas adquirisen competencias básicas que lles faciliten atopar un emprego cando saian dentro de moi pouco tempo ao mercado laboral. “Buscar un traballo é un traballo máis. Haille que dedicar moitas horas, hai que documentarse, hai que analizar se somos ou non produtivos e porque, etc. Pero neste proceso o fundamental é ter confianza en que podes logralo, ser optimista”, advirte.

Despois dun “baño de realidade” no que lles explicou a situación do mercado laboral actual, Mosteiro fixo fincapé en que co talante e a formación axeitada si poden atopar un emprego. Para acadalo propúxolles aos estudantes que se vexan a si mesmos como “un produto que ten que saír ao mercado e que hai que vender”. Como tal produto, sinala, o primeiro que deberían facer é autocoñecerse, saber que queren facer, en que son bos e en que non, etc. “Logo será preciso coñecer o mercado, ver cal é o seu sitio nel, que poden achegar de diferente, e por último e moi importante haberá que deseñar ben o envoltorio, o que inclúe desde facer un bo curriculo e unha carta de presentación ata saber enfrontar unha entrevista e negociar” salientou.

Estas cuestións prácticas non teñen un peso menor senón que acaban sendo moi importantes á hora de decantar unha elección. Algúns consellos de Alejandra Mosteiro para estes alumnos: facer un curriculo cun bo deseño, incluír os datos suficientes para que os chamen pero prescindir de aqueles que poidan descartalos, non usar enderezos electrónicos con nomes informais que dan mala imaxe, e aproveitar as novas tecnoloxías como o vídeo curriculo, que no caso das grandes empresas xa empeza a funcionar. Pasada esta primeira criba, na fase de entrevista esta experta recomenda non caer en dous erros moi habituais: non escoitar ao entrevistador e non preparar o encontro.

80% de mercado oculto

“O importante é dar con ese punto onde se cruzan o que eu quero facer, o que sei facer e o que o mercado necesita”, advirte. Pero dado que vai ser a primeira vez que saian ao mercado laboral, Mosteiro aconséllalles que se fixen dous obxectivos. Un a medio prazo, traballar no seu ámbito, no que queren facer, e outro a curto prazo, conseguir un traballo que lles permita ter uns ingresos e seguir avanzando para acadar o obxectivo a medio prazo.

Neste camiño que pronto iniciarán os estudantes reunidos no seminario, Mosteiro recoméndalles dúas cousas. Aproveitar as prácticas que ofrecen os estudos e sobre todo “ter en conta o mercado oculto, as ofertas de traballo que non se convocan, que se cobren a través de redes de coñecidos e que hoxe en día representan o 80% de toda a oferta laboral”. Apunta que en 2008 este mercado oculto representaba o 40% das ofertas, e hoxe é o dobre, un crecemento que, explica, se debe a factores como que as empresas que teñen realizado despedimentos prefiren non facer convocatorias públicas para novos postos ou que ante os custes do despido os empresarios acoden a redes de confianza para ter máis seguridade de que é a contratación axeitada.

E se falamos de redes estamos falando de aproveitar todas as posibilidades que ofrece Internet e as redes sociais, como Facebook, Tuenti ou Twitter e tamén as redes profesionais, como Linkedin. Mosteiro anímaos a usar estes recursos no seu beneficio laboral, pois son unhas ferramentas que os estudantes empregan e coñecen perfectamente.