DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Curso sobre competencias horizontais botou a andar no campus da man de Belén Varela, de Aedipe Gal

Unha actitude positiva e emprendedora determina o éxito dunha entrevista de traballo

As xornadas pretenden complementar a formación académica do alumnado universitario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 30/03/2012

O exceso de oferta no mercado laboral provoca que os responsables da selección de persoal das empresas non valoren unicamente o nivel de preparación do candidato ou candidata a un posto, senón a actitude que a persoa amose ante os novos retos. Consciente desta realidade, a Área de Emprego da Universidade, co apoio e financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, organiza no campus de Pontevedra un curso sobre competencias horizontais que botou a andar este venres da man de Belén Varela, presidenta de Aedipe Galicia, Asociación Española de Dirección y Desarrollo de Personas, que afondou na necesidade de manter unha actitude “positiva e emprendedora” ante a vida.

O curso, que cubriu as 30 prazas dispoñibles, pretende achegar unha formación complementaria de carácter transversal ao alumnado da Universidade. Tal como sinalou o director da Área de Emprego, Ignacio Armesto, durante o acto inaugural das xornadas, “as titulacións de grao están máis orientadas ao desenvolvemento de capacidades académicas, polo que son necesarias outras liñas estratéxicas que traballen as competencias horizontais”, capacidades como o traballo en equipo, o grao de empatía e de motivación ou o positivismo, que cada vez teñen “máis peso” nos procesos de selección de persoal. Pola súa banda, Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus, quixo salientar o nivel de compromiso do alumnado inscrito no curso coa súa formación “o que amosa a súa inquedanza por aprender e emprender, mantendo viva unha actitude de esperanza”.

Actitude positiva

“Estamos a vivir un momento difícil no que precisamos do optimismo máis que nunca”. Con estas palabras Belén Varela comezou a conferencia 15 estrategias para una rebelión optimista, na que tentou que os asistentes “abrisen os ollos” e abandonasen a actitude pesimista do presente “que nos leva sempre a pensar que non somos quen de defendernos e sentarnos a esperar axuda de fóra”, describiu. Ante este panorama, Varela demandou unha actitude proactiva por parte das novas xeracións “e lograrédela obter se sodes quen de traballar a percepción de control das situacións, pensando sempre no que sabemos facer ben e no que somos fortes para facer fronte a todo”, engadiu.

A continuación tamén se celebrou unha mesa redonda na que interviron responsables de recursos humanos das empresas Treves Galicia, Grupo Visual MS e destacaron o grao de importancia que as empresas lle outorgan á formación en competencias transversais. Tanto é así que o director da Área de Emprego da Universidade aclarou que os coñecementos acadados nas aulas universitarias “se lles supoñen a todos os candidatos a un posto de traballo” polo que o nivel de desenvolvemento das aptitudes persoais “ convértese nun aspecto que as empresas si teñen en conta, marcando a diferenza entre o éxito e o fracaso dunha entrevista de traballo”.

O curso, con docencia ata o vindeiro 4 de maio, inclúe cinco sesións nas que se traballarán distintos aspectos das competencias transversais como a intelixencia emocional, o autocoñecemento, a ciencia da motivación, o liderado e habilidades sociais e a relevancia da felicidade no traballo, da man dun profesorado “de relevancia" que se dedica profesionalmente á selección de persoal en empresas como R.