DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou a modificación do calendario académico para o vindeiro curso

A actividade académica de docencia comezará na Universidade de Vigo o 10 de setembro 

A sesión celebrouse na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/07/2018

Con 40 votos a favor e seis abstencións o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este mediodía en sesión ordinaria a modificación do calendario académico para o vindeiro curso 2018-2019, no que a actividade académica de docencia comezará o 10 de setembro e non o 3 do mesmo mes, tal e como aprobara o Consello de Goberno celebrado o 21 de marzo. A modificación aprobada hoxe prodúcese en cumprimento do decreto 68/2018 do 21 de xuño da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e no que se establece que “co fin de facilitar a incorporación do estudantado, as universidades do SUG fixarán a data de inicio das actividades académicas de docencia nas titulacións oficiais de grao e máster correspondentes ao primeiro cuadrimestre na semana do 10 ao 14 do mes de setembro de 2018”. Xunto a este punto, cuxa aprobación estivo precedida dun debate no que varios membros do órgano de goberno deixaron patente o seu desacordo co decreto da Xunta, outros 12 integraban a orde do día da sesión, na que tamén se deu luz verde, entre outras cuestións, ás propostas de modificación e verificación dunha ducia de títulos de grao, mestrado e doutoramento e á modificación do modelo de convenio de cooperación educativa para a realización de prácticas académicas externas.

A sesión, que se celebrou na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa avanzou, transcorrido o primeiro prazo, os datos de matrícula no primeiro curso dos graos que se ofertan para o vindeiro curso na Universidade de Vigo e que confirman 2109 prazas xa cubertas, do total de 3702 ofertadas, o que representa algo máis do 57%. “A matricula vai ben”, asegurou o reitor, que se amosou confiado en repetir as porcentaxes de ocupación de cursos anteriores, ao tempo que avanzou a intención do equipo de goberno de desenvolver un plan específico de captación de alumnado co que facer fronte ás previsibles consecuencias do descenso demográfico. 

No seu informe, Reigosa tamén deu conta da situación e futuras accións a desenvolver no Grao en Enxeñaría Aeroespacial para dar solución ás carencias relativas a novos equipamentos e profesorado. En relación cos novos equipamentos, o reitor lembrou que se atopan en proceso de contratación e deben estar pagados antes do 15 de decembro, ao tempo que confirmou que entre setembro e outubro se asinará o convenio de fin de ano acordado coa Xunta de Galicia, por un importe total de 1,2 millóns de euros, que permitiría abonar estes equipamentos. No caso do profesorado, o reitor asegurou “ser optimista e que as prazas poidan estar cubertas ao inicio do curso”. Reigosa manifestou ademais a súa intención de facer un esforzo adicional por esta titulación e avanzou que xa puxera sobre a mesa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a necesidade de dotala dun edificio propio “porque cremos que ten un futuro prometedor”, asegurou o reitor.

Aprobado o inicio da actividade docente o 10 de setembro

No debate que precedeu á aprobación da modificación do calendario académico para o vindeiro curso, Manuel Reigosa tomou a palabra para pedir desculpas por “un erro que non quero imputarlle a ninguén. É un decreto que non podemos cambiar, que está aprobado por unanimidade no Consello Galego de Universidades e eu estou seguro de que todos os que o aprobaron alí non eran conscientes de que estabamos modificando o calendario escolar, cambiando a data de inicio que xa tiñamos aprobada no Consello de Goberno”. Despois que Reigosa asegurase estar “absolutamente seguro que ninguén do equipo anterior fixo nada incorrecto, que todo o mundo actuou de boa fe e todos quedamos sorprendidos, aínda que formalmente a Universidade de Vigo deu o seu visto bo a esta modificación do calendario no Consello Galego de Universidades”, foi o secretario xeral quen tomou a palabra para dar lectura á parte do decreto da Xunta referido á data de inicio do calendario, facendo fincapé na obrigatoriedade de comezar a actividade académica de docencia o 10 de setembro, aínda que para minimizar o impacto “os centros teñen certa flexibilidade para decidir que facer a semana anterior”, aínda que non pode haber actividade académica de docencia, explicou Miguel Ángel Michinel.

O director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, manifestou abertamente o seu malestar polo cambio, asegurando que “falar de actividades académicas non docentes é unha entelequia xurídica non comprensible”. Pola súa banda, en representación do PDI, Bienvenido Díez, lamentou que se “tiren horas de traballo” e avanzou que se producirán erros con esta modificación, mentres que Diego Moldes, representante do alumnado, asegurou que “sería unha falta de respecto para o alumnado non cumprir as normas”. Antes da votación, na que 40 membros do Consello manifestáronse a favor da modificación e seis abstivéronse, Reigosa asegurou estar de acordo con que as tres universidades galegas teñan o mesmo calendario, “deberíamos chegar a un acordo non de data de inicio, senón de calendario e aínda que alguén defenda a independencia, e o estudaremos, a min me parece que o camiño mellor é chegar a acordos”, asegurou o reitor.

Propostas de modificación e verificación de titulacións e outros asuntos

Na derradeira sesión de Consello de Goberno do curso 2017-2018 tamén se aprobaron as propostas de modificación e verificación dunha ducia de títulos de grao, mestrado e doutoramento para o curso 2019- 2020. O vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Manuel Ramos, foi o encargado de dar conta das modificacións en tres títulos de grao (Enxeñaría de Tecnoloxías deTelecomunicación; Ciencias do Mar e Química); tres de mestrado (Xestión Empresarial do Deporte; Dirección Integrada de Deporte e Técnicas Estatísticas) e dous de doutoramento (Ciencias e Tecnoloxía Química e Protección do Patrimonio Cultural), así como da verificación de tres novos títulos de máster (Industria 4.0; Xestión e Dirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e Seguridade e Visión por Computador) e un de doutoramento (Turismo).

O órgano de goberno da Universidade de Vigo tamén deu luz verde na sesión ordinaria celebrada hoxe á delegación da COAP da aprobación da 1ª edición do curso de especialista en Tradución para a industria do videoxogo; á autorización da defensa de tesina de licenciatura en titulacións extinguidas e á modificación do modelo de convenio de cooperación educativa para a realización de prácticas académicas externas.