DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns comezan as clases en todos os centros da Universidade

A actividade volve máis cedo ca nunca ás aulas universitarias

O presidente da Xunta inaugurará en Vigo o curso universitario o vindeiro día 16

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 02/09/2011

Aínda que tradicionalmente son os nenos de Primaria os primeiros en volver ás aulas, este curso toma vantaxe o alumnado universitario vigués. Coa chegada de setembro a actividade académica volve encher de vida as aulas universitarias e os primeiros en incorporarse son os alumnos dos graos, que iniciarán as clases este mesmo luns, 5 setembro, e a eles uniranse a partir do día 13 os alumnos e alumnas matriculados nalgún dos 77 mestrados que oferta este curso a Universidade.

Nesta ocasión será Vigo o escenario do acto oficial de apertura do curso universitario en Galicia. A cerimonia celebrarase o venres 16 de setembro no salón da actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a ela acudirán, ademais do reitor vigués , Salustiano Mato, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como os reitores das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, que acompañarán á comunidade universitaria nun dos actos máis solemnes do sistema universitario galego. Será o intre para a primeira lección maxistral do curso, que este ano impartirá a catedrática de Lingua Española, Mª del Carmen Henriquez e que levará por título Las regulae iuris y las sententiae breves en la Historia del Derecho, la jurisprudencia actual y tribunales de justicia europeos.

Entre as principais novidades do novo calendario destaca, ademais da supresión definitiva dos exames de setembro, que se celebrarán entre o luns 2 e o sábado 14 de xullo, a realización dos exames do primeiro cuadrimestre xusto ao volver das vacacións de Nadal.

Os últimos en incorporarse a actividade académica ordinaria será o alumnado que realice as probas de selectividade no mes de setembro, que este ano se celebran o 14, 15 e 16 de setembro e cuxos resultados se publicarán na web da CIUG o vindeiro día 23.

39 graos e 77 mestrados con “calendario europeo”

Este curso que comeza será o primeiro no que o calendario estea totalmente adaptado ao EEES. Como explica a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estevez, “isto significa que no ano 2011-2012 non haberá xa ningún exame de setembro”, apuntou, ao tempo que mencionou que este ano tan só unhas poucas titulacións teñen avaliacións neste mes, que o vindeiro ano se trasladarán definitivamente para o mes de xullo.

Deste xeito complétase a adaptación da oferta académica a Europa, de xeito que mentres as enxeñarías, agás Informática, comezan co segundo curso do grao, o resto das titulacións están xa co terceiro curso adaptado. “A partir de agora imos ver como van desaparecendo as antigas carreiras para deixar un escenario novo e totalmente europeo” conformado por 39 graos, varios deles impartidos en varios centros e campus, coma Enfermaría ou Dereito.

No tocante ao posgrao, a Universidade oferta 77 mestrados que teñen ata o luns o segundo prazo de preinscrición aberto. Mención especial require a recentemente creada Escola de Enxeñaría Industrial, que comeza o curso como novo centro unificado tras fusionarse a ETSEI e a EUETI, pero cos seus estudos xa adaptados dende o pasado curso.

Pontevedra centrará esforzos no “campus saudable”

En Pontevedra, un dos proxectos que o campus tentará potenciar dende este outono é o “campus saudable”, unha iniciativa que se pon en marcha en colaboración co Instituto Municipal de Deportes do Concello de Pontevedra. “Trátase de sacarlle o máximo rendemento aos nosos servizos, compartindo coa cidadanía a nosa potencialidade cultural e deportiva”, explica Antonia Blanco, vicerreitora do campus. A sustentabilidade é outro dos obxectivos para o novo curso, “con plans de mantemento e de aforro para cada centro, en consonancia coa realidade económica actual”. En canto á docencia, continuarase co proceso de adaptación ao EEES, destacando a futura implantación de mestrados de doutoramento para o Grao en Fisioterapia e para as titulacións en Ciencias da Educación. No relativo aos dous grandes proxectos en infraestruturas do campus, a residencia de estudantes e a construción do Edificio das Artes, “continuaremos coas negociacións”.

Ourense, coa vista posta na gardería infantil

En Ourense a vicerreitora María Lameiras salienta que o novo curso comeza “con moitas expectativas de afianzar o traballo que se está facendo ”. Entre os retos a afrontar en 2011/2012, Lameiras apunta que, entre outros temas, continuarán traballando para a posta en funcionamento da gardería infantil e do comedor universitario do Edificio Politécnico. Ademais, destaca a paulatina consolidación que se producirá da oferta educativa, con especial fincapé na de posgrao e na internacionalización do campus a través da recepción de alumnado foráneo. Ademais, a vicerreitora explica que continuarán afianzando os lazos do campus coa súa contorna para contribuír á súa maior integración no tecido social e económico da cidade e da provincia.