DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actividades para o lecer nun novo abano de obradoiros

O prazo de matrícula para as actividades do segundo cuadrimestre remata o día 26

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 22/02/2010

A formación é o piar básico da Universidade, pero na institución académica hai tempo tamén para facer outras actividades que están lonxe dos programas das materias e que non requiren o esforzo do estudo constante. Neste contexto é onde entran en xogo os obradoiros, unha iniciativa que pon en marcha a Vicerreitoría do campus co obxectivo de servir de complemento á preparación dos estudantes. Nas palabras de Filemón Rivas, xestor de Actividades Culturais, “o obxectivo destas actividades é tentar formar ao alumnado en campos de tipo máis práctico que non teñen ligazón co currículo de ningunha das titulacións”, declara.
Os obradoiros do segundo cuadrimestre xa están preparados e con eles o prazo de matrícula que remata este venres, día 26 de febreiro. O programa para este segundo tramo do curso académico inclúe un total de 19 actividades entre as que hai oito novidades. Entre elas figura un taller de cociña para mozos e mozas independentes que promete ensinarlles aos participantes como preparar carnes, peixes, pasta, arroz e doces dunha maneira rápida, económica e sinxela. Outra novidade do programa é a iniciación á apicultura, unha temática demandada pola comunidade universitaria por ser esta unha actividade moi arraigada no mundo rural. Máis novidades pero esta vez da man da maxia e o ilusionismo nun obradoiro que pretende introducir aos asistentes neste mundo para que podan empregar o aprendido como recurso pedagóxico e social. Coñecer o funcionamento dos principios da ciencia recreativa, desenvolver a habilidade de presentar unha ilusión máxica fronte a un público e compartir información sobre a arte da maxia son os contidos da actividade. A promoción de iniciativas sociais, a alimentación e os hábitos de consumo, a autoestima, a cestaría e un manual de supervivencia para estudantes son as temáticas dos outros talleres novidosos contemplados na nova programación.

A alimentación e os hábitos de consumo a estudo nas aulas

Explica Filemón Rivas que a elección dos temas dos obradoiros responde a un interese dos organizadores de contribuír, na medida do posible, a unha mellor e máis completa formación dos estudantes. “Tentamos escoller actividades que lles poidan servir para formar a súa propia personalidade e tamén para adquirir novas destrezas”, afirma. Na procura deste obxectivo enmárcanse cursos como o titulado Recuperando a responsabilidade sobre a autoxestión da saúde, unha actividade na que o profesor Gustavo de Teresa Romero transmitiralle aos asistentes unha visión integral da alimentación, dos hábitos de consumo e das repercusións na saúde do ser humano e do planeta.
O patrimonio cultural inmaterial ten tamén o seu oco cun taller dedicado á cestería tradicional. Na programación figuran tamén actividades que perseguen axudar aos asistentes a desenvolver as súas habilidades persoais na sociedade. Dende potenciar a autoestima e a imaxe externa ata aprender técnicas e habilidades de comunicación e incluso un manual de supervivencia destinado ao alumnado dos primeiros cursos co fin de formalos para o seu paso pola Universidade traballando técnicas de estudo, elaboración de traballos e afrontamento das preocupacións ante os exames, entre outros aspectos.

Teatro, novas tecnoloxías e ata un manual de supervivencia

Nos obradoiros deste segundo cuadrimestre non podía faltar a Aula de Teatro cos seus tres niveis (Rosaura, Cordelia e Maricastaña) que amosarán o aprendido nas aulas na MITEU –Mostra Internacional de Teatro Universitario-. Os amantes das novas tecnoloxías teñen tamén o seu oco nos cursos con actividades que van dende o retoque dixital con Photoshop ata as tecnoloxías web 2.0 e a fotografía dixital. Hai tamén na programación un obradoiro dedicado ao automóbil cuxo obxectivo é explicarlle aos asistentes o funcionamento do motor, coñecer as estratexias de funcionamento do mesmo e aprender os diferentes tipos de sistemas electrónicos aplicados á automoción.

Aprender a mirar o ceo e a sobrevivir no medio natural

A programación complétase cun curso sobre sexualidade impartido pola investigadora e docente María Victoria Carrera; un obradoiro de iniciación á observación astronómica dirixido por Humberto Michinel no que se describirán os principais obxectos de interese astronómico e as técnicas de observación máis habituais e un curso de supervivencia no que José García-Calvo “Willy” ensinará aspectos como as formas de orientación, refuxios, recolleita de auga e escalada e rappel. Así mesmo as persoas interesadas na iniciativa social e na súa xestión e promoción atoparán interesante o obradoiro dedicado á Introdución á promoción de iniciativas sociais: o emprendemento social.